Noveliñas

X. AMANCIOLIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

18 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NA LECTURA das dezasete obras presentadas ó certame de novela curta Xulián Magariños Negreira, os membros do xurado puidemos valorar xéneros, estilos e temáticas misceláneas. Mais no noso ditame -por unanimidade- premiamos o orixinal da escritora viguesa Ana Alfaya: unha novela policial, que mantén o ritmo narrativo e a intriga de principio a fin. Matei un home é unha peza ben escrita, con riqueza expresiva, bo tratamento dos personaxes e logrado ambiente de suspense. Moi contemporánea. Lemos unha noveliña do xénero negro, ben resolta, que entretén e pode gañar lectores para o idioma galego e na que, á parte da trama fulcral do asasinato dunha muller, aparecen temas cotiáns: violencia de xénero, delincuencia, amor, pederastia, mundo urbano... asuntos perennes. Nestes días do Nadal tamén imos coñecer os traballos escolares premiados no IES Xulián Magariños ó redor da vida e obra do escritor que lle dá nome ó centro de secundaria negreirés. Máis de 80 alumnos achegaron creacións -narracións e debuxos- a este concurso. Tamén con X. M. Magariños como referencia, esta mocidade barcalesa vai facendo camiño nas artes da escritura e da plástica, cun selo galeguista.