Capela Compostelana

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

11 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO NO Nadal de 1795 os composteláns acudiron á catedral para celebrar a festa do Nacemento do Neno Xesús, non se sorprenderon ao escoitar un canto coral tan familiar como A nosa gaita, pois, desde había cinco anos, Melchor López (como bo precursor do nacionalismo musical galego que era), gustaba de escoller para musicar, entre a variada oferta de libretos dispoñibles, algún vilancico escrito na nosa lingua que sería interpretado somente ese día. Melchor López arribara a Compostela o 23 de marzo de 1784 para facerse cargo da capela de música da catedral. Do seu antecesor, o prolífico Buono Chiodi, que en máis de cincocentas obras impuxera o estilo barroco italiano, herda unha capela chea de bos cantantes e mellores instrumentistas que el vai reforzar cos distintos aspirantes a unha praza moi ben dotada (a 182.303 reais ascendía o montante total, dos que 15.000 eran para o Mestre), integrada por un dobre cuarteto de voces, seis nenos de coro, tres violinos primeiros e tres segundos, dous oboes, e igual número de baixos, cornos, violonchelos, contrabaixos, organistros e fagotes. Moitos dos instrumentistas podían tocar, nun momento dado, a charamela e a frauta, tampouco faltaba a viola, que acostumaba tanxer algún dos meritorios aspirantes ás prazas que ían quedando vacantes. Mágoa que coa suspensión do Voto de Granada, que ascendía a uns trinta mil pesos anuais, e a venda por parte do Estado das rendas que a catedral desfrutaba, a capela de música viuse moi minguada. A capela era un conservatorio. O mestre, xunto cos nenos de coro, vivía no Pazo que o arcebispo Raxoi mandara edificar no ano 1767; alí ensináballes a cantar e, a medida que ían perdendo a voz, a tocar instrumentos. Tódolos músicos tiñan a obriga de asistir ás funcións da catedral con devoción e axeitadamente vestidos. Os ensaios celebrábanse os martes e os venres, sen posibilidade de escapulirse e estáballes prohibido tocar en festas, óperas e outras celebracións malia estar moi solicitados, veto que non sempre se respectaba porque preferían pagar a multa e cobrar un sobresoldo. No estilo clasicista de Melchor López, marcado por Mozart e Haydn, a orquestra pasa a ser a protagonista. Como compositor deixou máis de mil obras -das que trescentas son vilancicos-, conservadas en dezasete volumes duns douscentos folios, que conteñen as partituras orixinais copiadas nunha coidada caligrafía. Entre 1790 e 1795 escribiu os primeiros vilancicos en galego, que inspirarían aos futuros compositores nacionalistas, entre eles Pascual Veiga, o autor da Alborada. No Ano Santo Xubilar de 1790 estrea Da Ulla meu cabo veño, no que unha pastora que vén da Ulla canta o estribillo pedíndolle permiso ó Cabido (figurado polo coro) para botar ao Neno unha tonada que aínda ninguén oieu cantar. O coro contéstalle en castelán -reprodución da diglosia- convidándoa a cantar; logo dun segundo diálogo a rapariga inicia a tonadilla, melodía popular moi traballada que o coro homofónico retoma. O texto fora escrito por Marcos Parcero, preceptor dos nenos de coro e autor dun folleto con letras de vilancicos para ser cantados na catedral, impreso en 1792. A partir do ano 1797 suprimíronse os vilancicos de Nadal en Compostela, sendo substituídos por Responsorios. Melchor López morreu o dezanove de agosto de 1822 e foi enterrado no claustro catedralicio, pero os instantes de emoción vividos na nosa basílica hai douscentos anos poden actualizarse só con deixarse conducir pola súa batuta. Estes días de Nadal teñen unha intensidade especial e os vilancicos de Melchor López colaboran a darlle brillo. Pero non esquezades as panxoliñas e os cantares de reis, por se cae algún aguinaldo. aldonzadepraterias@yahoo.es