ANOS DE GRAZA
04 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O OITO de decembro de 1854, o Papa Pío IX, por medio da bula Ineffabilis Deus , proclamaba o Dogma da Inmaculada Concepción da Virxe María, selando unha vella polémica que trouxo por coronilla a moitísima humanidade, e que na cidade de Sevilla marcou época. Que María foi concibida sen Pecado Orixinal era crenza estendida de toda a vida, firmemente arraizada na alma popular, pero en 1613, o padre Molina, monxe do sevillano convento Regina Angelorum , aventou desde o púlpito unha dúbida e armouse a marimorena. Tódalas clases sociais, co Cabido á frente, emprenderon unha campaña con preces, manifestacións nas rúas ao berro de Aunque se empeñe Molina/y los frailes de Regina/con su Padre Provincial/María fue concebida sin pecado original , amén de súplicas ao Papa de Roma, afirmando a tese concepcionista. Non se escatimaron esforzos. Foi tal o paroxismo que dous oficiais da confraría dos Negritos , o irmán maior -un outro Molina- e o alcalde Pedro Moreno, chegaron a venderse como escravos a fin de recadar cartos e custear unha solemne función. Aquí en Compostela, onde de noso fomos sempre serenos e desapaixoados, nunca se organizaron semellantes batifondos, nin sequera cando Santa Teresa, San Miguel, San Xosé ou mesmo San Xenaro (que nunca souben de certo quen lle dera vela neste enterro), toda a corte celestial por xunto, parecía empeñada en disputarlle ao Apóstolo a súa supremacía como patrón de España. Como queira que nos xogabamos moitas pesetas, o Cabido emprendeu as grandes e admirables obras que mudaron esta catedral por dentro e por fóra, pois había que demostrar que o Señor Santiago era o máis grande e digno desta espléndida morada. Mentres isto acontecía, os veciños seguían ao seu, sen berrar nin acenear. Pero andabamos coa festa da Concepción, que sempre contou con capela propia na catedral, sita no brazo norte do cruceiro, pertencente aos clérigos do coro. Foi obra do mestre Juan de Álava e do seu aparellador Jácome García, contratados no ano 1525 coa venia do arcebispo Alonso de Fonseca. A planta é irregular, pois ocupa parte do solar da antiga capela da Santa Cruz, e aparece cuberta con bóveda estrelada de cinco claves. Como daquela andaba entre nós Cornielles de Holanda, encargóuselle o retábulo, que no ano 1721 foi substituído polo actual de Simón Rodríguez, e do que só resta a preciosa imaxe da Virxe co Neno no colo, representada como Muller Apocalíptica, conforme a iconografía medieval. Feita á romana , segundo estipulaba o contrato, en madeira policromada, mostra na cenefa do manto a lenda Mater Misericordiae , a proclamar o seu carácter de corredentora do xénero humano en base á Paixón do seu Fillo (o neno porta unha cruz anticipando o calvario). Como Cornielles era tan xenial, pese a estar constreñido polas cláusulas do contrato -é un epílogo das representacións medievais da Inmaculada-, soubo crear unha imaxe que abre camiños ó idealismo renacentista, algo que se apreza no tratamento envolvente das teas ou na anatomía do pequeno. Tódolos días sen falta, os cléricos cantábanlle Salve Regina. No altar maior temos unha nova imaxe da Inmaculada, obra de Manuel de Prado e Pecul, do ano 1799. Feita en prata, coa iconografía máis recoñecible, con María soa, enriba do mundo e esmagando co pé a serpe. Como andamos nunha ponte (máis ben un acueducto), atópome rodeada por bandos de peregrinos que agardaron a última hora para gañar o xubileo, pero boto en falta aos veciños, que sabe Deus onde foron batér o zoco. Se algún decidiu quedar na casa, que non deixe de visitarme o mércores arredor das dez da mañá pois, a máis de saudarme, terá ocasión de ver unha das cerimonias máis belidas entre as que aquí celebramos, con botafumeiro e charamelas de música celestial.