Fíxose a luz

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

13 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

OS ENCARGADOS do alumeado público andan estes días todos atarefados colocando a iluminación que lucirá nos vindeiros días de Nadal. Por esta zona de Praterías non soen poñer ningunha pero vexo moi ben a lucería da Rúa do Vilar, bueno, ben vexo todo o ano porque agora non hai diferencia entre o día e a noite, non como antes que co solpor chegaba a escuridade e a xente retirábase a durmir. Nesta casa non todo era retiro, xa que as funcións eclesiásticas do cabido eran longas. Por exemplo, os maitíns cantábanse a media noite, ata que o oito de novembro de 1531, gobernándonos o arcebispo Xoán Tabera, se acordou que comezaran media hora antes, pouca cousa, certamente, pero os doce capeláns encargados de cantalos seguro que agradecían eses minutos acochados na cama nas noites de invernía. Para os composteláns empezou a facerse a luz alá polo século XIX. Ata entón só nos liberaban das tebras os candís con que se acompañaban de regreso ó lar os poucos noitébregos que ousaban recollerse tarde. Había «privilexiados» que dispuñan dunha luciña particular, tal era o caso do Coquín, aquel pregoeiro dependente primeiro do Concello e máis tarde da Universidade, que tódalas noites percorría as rúas cun farol nunha man e unha campaíña na outra, berrando polas esquinas: «Recen un Padrenoso e unha Avemaría polos que están en pecado mortal e outra pola ánima de don Alonso de Fonseca, benfeitor da cidade. ¡Coidado co lume!». Tamén nos alumeaban as lampadiñas que ardían diante dalgunha imaxe, como a Virxe do Leite e do Bo Parto da Fonte Sequelo, colocada nunha hornacina na casa en que tódolos santiagueses cremos que naceu o arcebispo Xelmírez. A escultura do século XIV de pedra policromada, representaba á Virxe amamantando ó Neno e tiña sona de milagreira, por iso estaba sempre rodeada de futuras nais que lle ían pedir unha boa hora, sobre todo o trinta e un de decembro, día no que se conmemoraba a festividade. A casa orixinal derrubouse no século XVIII e anos despois o célebre arquitecto Manuel Pereiro Caeiro construíu a actual, con baixos comerciais a dúas rúas nos que se instalou unha moi famosa curtiduría. Hoxe están de novo no presenteiro, pois vense de inaugurar neles un café-restaurante no que agardamos que a cociña estea á altura do edificio. Pero andabamos camiñando ás apalpadas ata que, durante o breve período que os franceses botaron na cidade en 1809 (tres meses), o Barón de Marcognet ordenou colocar a cantidade de farois reverberos necesarios para que as rúas estivesen perfectamente claras toda a noite, cunha distancia entre si non superior a cincuenta pasos. Partiron os franceses e voltou a escuridade ata 1822 cando o Concello mandou pór farois perto da cadea ó tempo que enviaba á Deputación unha proposta de arbitrios para o alumeado xeral. Non é de estrañar esa iniciativa por parte dos nosos rexedores pois, a máis de velar polo ben dos cidadáns, a medida afectáballes moi directamente. Co conto de que había que aproveitar a luz natural, os plenos celebrábanse ás sete da mañá no verán e ás oito no inverno. ¡Calquera ergue tan cedo á actual corporación!. Instaláronse trescentos farois de aceite feitos polo mestre latoneiro Nicolás Losada e polo ferreiro Xoán Pino, alugándose a catro mozos para acendelos e apagalos. No ano 1843 o número de farois era de cincocentos. En 1872 contratouse os servizos da compañía Menéndez Valdés, de Xixón, para o alumeado público con gas fluído, que se inaugurou na Alameda e nalgunhas rúas principais o 8 de agosto de 1874, estendéndose despois a toda a cidade. Subrogada dita empresa pola Sociedade de Gas e Electricidade de Santiago o 1 de xullo de 1895, cos primeiros anos do novo século chegou a luz eléctrica que nos permitiu ter as cousas moito máis claras, sendo de agradecer que mantivesen a tipoloxía dos antigos candeeiros. aldonzadepraterias@yahoo.es