Cineuropa | «A touch of spice»
08 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Un dos grandes problemas da melancolía é que tinxe todo coa pátina dunha amabilidade capadora, que resta vitalidade, que baixo unha certa tristeza doce agacha o peso e a trascendencia da realidade. A touch of spice é unha película blanda, blanda, chea das especias dos trucos sensibleros e sen a capacidade do director para disimular un cine tan entregado ao exotismo da tristeza lene. Non se tratará de facer cine realista nin de aproveitar os moitos conflictos que a película só apunta: as relacións occidente oriente exemprificadas nos conflictos gregos e trucos, o golpe dos coroneis. Non será esto que xa existe Costa Gravas, pero un dos personaxes da película xa adianta que a canela hai que empregala cando a carne está pasada e hai que lle disimular o sabor. Na película, o sabor de canela da melancolía come toda a dimensión da historia. Xa de ser así, sería preferible unha melancolía tóxica, desesperada, da que carcome o que toca ata crear a necesidade de volver a comezar, algo que lle dea a volta as cousas, non que suxira ao espectador a idea de que o pasado é un espazo con certa capacidade para o ideal. A outra teoría para a película sería a da carnaza sentimental para os espectadores. Algo funciona se temos en conta as votacións. Pero sempre queda a dúbida de saber que se o porno dos noventa abusou de certa ximnasia coital para facerse xénero, quizais a rebusca da sentimentalidade edulcorada, pouco vital e menos xustificada agás para deixar contento aos espectadores, non sexa máis que unha forma de pornografía sentimental. Neste caso, sen un reparto en condicións, con concesións de todo tipo ao bonitismo e, quizais o que é peor, nun xénero que comezou a mollar de bágoas de espectador as butacas dos cines aos comezos dos noventa, hai xa quince anos e quizais o único no que avanzou esta cinta respecto a aqulas películas é que esta parécese máis aos anuncios como cromos que promocionan a Lotería de Nadal. Director: Tassos Boulmetis. Xénero: Comedia melancólico amable. Metraxe: 108 minutos. Nacionalidade: Grecia. Data: 2003.