Dacosta: «O lector non se pode sentir estafado, sempre o nota»

La Voz C.P. | SANTIAGO

SANTIAGO

En dos minutos | Beatriz Dacosta e Isidro Novo AUTORES, RESPECTIVAMENTE, DAS NOVELAS «CONTRATO TEMPORAL» E «ROSA LENTA» A autora conta a partires da súa propia experiencia a realidade do mundo obreiro de hoxe, unha historia coa que gañou o premio literarioTerra de Melide 2004

28 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A realidade contrastada coa experiencia é a clave das dúas novelas que ven de publicar Francka Editora, Contrato temporal , de Beatriz Dacosta, e Rosa lenta , de Isidro Novo. Son a gañadora e a finalista (excepcionalmente) do premio Terra de Melide. Franck Meyer, o editor, Baldo Ramos, membro do xurado, e os autores, presentaron as obras nun animado coloquio. Contrato temporal, a terceira novela na produción literaria de Beatriz Dacosta, aborda o duro, difícil e complexo mundo laboral, marcado pola precariedade no emprego e determinado por factores como a globalización, a deslocalización da produción e as estratexias empresariais. Fala de forma hiperrealista e simbólica do mundo dos obreiros de hoxe. A autora decidiu escribir esta novela cando, no 2002, entrou a traballar nunha fábrica de coches de Vigo, que para máis señas e por dedución, é Citroën. E viu situacións, vivencias, experiencias e todo un mundo «fantástico para abordar nunha novela, unha historia de deshumanización no mundo laboral, de homes e mulleres lixo, de usar e tirar». Aclarou que os personaxes non son reais, se ben construiunos «collendo de aquí e de acolá». O único que permanece ao longo dos capítulos é o director, Pumuki, que finalmente é outra vítima do sistema, tan prescindible coma os obreiros, aos que Beatriz chama ergonautas . Á pregunta de onde está a ficción, respondeu que está «na recreación da historia» e, segundo o editor, na maneira de narrar e na utilización de elementos literarios simbólicos que poñen o contrapunto a realidade, pero remarcando a súa crudeza. A anterior novela de Beatriz, Precipicios , fala dunha muller que busca unha vida diferente. Retrata o mundo feminino con tanta forza e realimo como fai neste caso co laboral. Podíase agardar que a nova novela da autora fose polos derroteiros do feminismo, pero ela di que non, porque non lle gusta volver aos mesmos asuntos. O que si constata é a fidelidade das súas historias, que sexan tan cribles e duras, algo que une a Precipicios e a Contrato temporal . É así «porque as dúas son fillas miñas, e porque trato que as historias que conto sexan verosímiles. O lector nunca se pode sentir estafado. E non é posible enganalo, porque sempre o nota».