Aparcamentos

MARÍA OTERO

SANTIAGO

NO ROIBÉN | O |

16 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A FALTA de espazo para aparcar de xeito que non resulte moi oneroso é un problema en calquera cidade. Pero en Santiago adquire tintes dramáticos ás veces, e máis nun ano xacobeo no que incluso acabaron por ser cotiás en algúns párkings as colas en busca de estacionamento. Pese á construcción dos últimos aparcamentos no Ensanche, a cidade arrastra aínda os inconvenientes da penosa concepción desa zona, sen apenas garaxes privados nin aparcamentos públicos e con rúas nas que non é doada a convivencia de peóns e vehículos. E os seguirá arrastrando, pero non todos os males neste eido veñen daí. Non hai máis que reparar nas tremendas carencias do Clínico neste senso. Inconcebible é que se proxectase sen oferta suficiente un recinto sanitario que pasou do centro da cidade a un barrio máis alonxado. Pero tamén que un lustro despois da súa apertura a situación nin teña mudado nin se vexan visos de que así vaia ser nun horizonte próximo. Quizais esquecementos e demoras coma estas non serían tales se quen están afeitos ao coche oficial estivesen ao volante a cotío e vivisen en primeira persoa os inconvenientes desas carencias.