Piñeiro

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

04 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

XA VAN catorce anos dende o pasamento do galeguista Ramón Piñeiro López (Láncara, 1915-Compostela, 1990). Mais, inda que non nos decatemos, moitos anacos dos seus pensares e doutrinas están connosco, inseridos arestora na sociedade galega. Piñocos da súa memoria alentan no universo de Galaxia, no Consello da Cultura Galega -do que el fora o seu primeiro presidente-, nalgúns credos e praxes políticas. Tamén no labor do Centro para a Investigación en Humanidades, que leva o seu nome e vai botando á luz publicacións misceláneas, dende o seu obradoiro creativo da Barcia, ben preto de Santiago. Alí están a editar os Cadernos Ramón Piñeiro, cadernos galegos de pensamento e cultura, nados no 2003. Nos números I ó IV colaboran Anxo González, Ramón López («RP: Dúas lecturas»), Luís Alonso, Teresa Monteagudo, María Cuquejo («RP: cronobiografía e cartas»; «Bibliografía e hemerografía de RP: unha contribución») e José Ángel García («Ideas sobre a lingua galega na obra de Manuel Murguía»). Con belos arames de Baldo Ramos. Ramón Piñeiro desapareceu fisicamente. Pero, ¿canto de piñeirismo, canto da súa acordanza e do seu maxisterio fican entre nós e alén nós?