ANOS DE GRAZA | O |
31 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI QUE VER a romería de xente que se xuntou estes días grandes de festa, pode dicirse que non tiven nin un momento de acougo. Ben, xa chegará o inverno e haberá tempo de descansar. O importante foi que, a pesar de tan diversa humanidade e das distintas celebracións, non houbo que lamentar desgrazas, de sacado algún tastabao pola moita calor e algún damnificado por obra dos carteiristas que farían bo negocio, malia que non fosen levados diante da xustiza. Claro que, neste aspecto cambiou moito o conto, e as distintas institucións que nos rexen xa non poden aplicar castigos exemplares como sucedía antano. Tal sucede co antigo hospital dos Reis Católicos, hoxe hotel de luxo, onde máis de un pasounas negras por meter a man en faldriqueira allea, pois o administrador, pola Constitución 68 dada polo emperador Carlos V en 1524, era xuíz único tanto no civil como no criminal, con potestade sobre os empregados e cantos vivían dentro do seu espazo encadeado, que abranguía a metade da rúa de San Francisco, a metade da de Carretas e a dianteira do edificio, cos postes e cadeas que aínda hoxe loce. Ditar xustiza Mestre Miguel foi o autor dos postes, chamados candelabros porque, nos días de festa, se colocaban neles fachóns para iluminar a praza. As cadeas forxounas o mestre Guillén e a elas podían acollerse todos os perseguidos da xustiza, con algunhas excepcións como os incendiarios, asasinos, envenenadores, falsificadores ou salteadores de camiños. Para evitar cuestións de competencia coa Real Audiencia de Galicia, emitiuse en Toledo, o 2 de abril de 1560, unha Real Cédula de Concordia. Este dereito de asilo estivo vixente ata o ano 1804. O administrador, pois, ditaba xustiza conforme ás leis do reino, podendo aplicar tódalas penas agás a capital. Moitas veces os presos eran condenados a recibir azoutes, atándose a tal fin ós postes dianteiros para servir de escarmento ou exemplum e advertir a posibles malandros do que lles esperaba se caían na tentación de cometer delicto. Contaba tamén cunha dependencia, perto das cociñas, que estaba destinada a cárcere e equipada con todo o que era necesario: grilletes para os pés, cordas de esparto para atar as mans e cepos. Moitos foron os facinerosos que visitaron a estancia sempre por mor de cometer furtos, xa fora nos petos das limosnas ou nas bolsas dos peregrinos, entre eles un tal Juan Navallo, acusado polo capelán do Hospital, don Juan López de Salazar, de asaltar a súa casa, sendo procesado o 2 de agosto de 1542 e atado de pés e mans ó cepo. Pero esa precaución non impediu que escapase pola horta ó día seguinte, acochándose nunha laranxeira que tiñan as freiras de Santa Cristina, onde foi de novo apresado. Impúxoselle a condena de marchar montado en besta de albarda, de pernas atadas e espido de cintura arriba, deica a porta principal do Hospital, onde lle propinaron cen azoutes. Unha vez cumprida a pena que merecía pola fuga, quedaba pendente a outra causa do roubo, que lle custou severa sentencia datada de 21 de agosto de 1542: saír da cadea enriba dunha besta, aferrollado e medio nu, para pasear desa guisa claustros e patios, acompañado pola voz de pregoeiro que manifestaba o seu delicto, mentres se lle daban os cen azoutes preceptivos para, finalmente, cortalle as orellas. Asimesmo, o condenan a restituír todo o roubado na cámara do capelán. Xa vedes que daquela non andaban con medias gaitas. aldonzadepraterias@yahoo.es