Imaxes

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANO DE GRAZA

12 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ALGÚN DÍA día falarei polo miúdo do arcebispo Lope de Mendoza, un sevillano que nos gobernou durante corenta e cinco anos (desde 1400 ata o 3 de febreiro de 1445), nos que, vive Deus, non tivo tempo de aborrirse por andar sempre metido en lideiras. Participou en bélicas empresas como a conquista de Antequera e na tirapuxa cortesá que enfrontou ós fillos do rei Fernando de Aragón, don Juan e don Enrique (o noso arcebispo apoiaba a este último), pola sucesión no trono. En consistorio celebrado a seis de xullo de 1418, un numeroso grupo de composteláns, encabezados por Rui Sánchez de Moscoso, fixo Ermandade para defender os seus privilexios fronte ó prelado; oito días despois acataron a real célula dada por don Juan na que se derogan os aranceis aprobados por Mendoza. Esta controversia desatou múltiples revoltas na cidade. Pero se lembro a don Lope é porque hoxe celebramos a festividade de San Antonio, santo avogoso para atopar cousas perdidas. Pois ben, nun día de maio, atopándose o arcebispo en Noia, revisando os traballos de edificación da igrexa de San Martiño que el mandara levantar, acordou dar un paseo en barca pola ría. Á noitiña, de volta no pazo, botou a faltar o anel pastoral e, por ben que remexeron, non apareceu por ningures. Daquela o prelado encomendouse a San Antonio prometéndolle unha imaxe de prata se lle axudaba na busca. Un ano máis tarde, en Compostela, durante un banquete no Pazo de Xelmírez, un comensal convidado do arcebispo atopou o anel na barriga dun peixe que lle serviron (os peixes, pescados na ría de Noia, chegaran esa mañá nun cesto agasallo do convento de San Francisco). Ó día seguinte, don Lope mandou chamar ó ourive Francisco Mariño e encargoulle unha imaxe de San Antonio que debía pesar media arroba, para regalarlla ó convento. A devandita imaxe permaneceu no altar maior da igrexa conventual ata 1835, cando, trala Desamortización de Mendizábal, se ocupa da súa custodia certa noble dama compostelá, que a gardou deica o 3 de febreiro de 1864, data na que remite unha carta ó prior anunciándolle a devolución, pero nunca chegou ó convento. Quería D. Lope ser enterrado na catedral, preparando a tal fin unha capela que gardaría os seus restos nun sepulcro elevado sobre dez leóns que sostiñan os escudos familiares e rodeado de Apóstolos e Evanxelistas. No altar maior venerábase á Virxe do Perdón, á quen lle estaba dedicada a capela. O conxunto foi destruído en 1770, en tempos do arcebispo Raxoi, e, baixo a dirección de Miguel Caaveiro, reedificouse totalmente, ata convertelo na neoclásica Capela da Comuñón, presidida por un retábulo de Francisco de Lens. Para manter a memoria do arcebispo, colocouse na entrada da nova capela a estatuíña de alabastro da Virxe do Perdón. Se vos fixades na peaña veredes nela axeonllado a Lope de Mendoza, coas mans xuntas encomendándose á Virxe por unha cartela que sae da súa boca e na que se le Miserere Mei e, ó seu carón, o báculo en tau, con cabezas de animais nos extremos, semellante ó do Apóstolo que preside o Pórtico da Gloria. A elegante imaxe da virxe, de estilo borgoñón, presenta un perfil en «S», sostén no colo ó Neno e agárralle os pés cos dedos indicador e polgar. É canto resta para acordanza do sevillano Lope de Mendoza. San Antonio é tamén santo casadeiro. Xa o dicía Rosalía: «San Antoniño, dádeme un home¿». Pero eran outros tempos. aldonzadepraterias@yahoo.es