Id tempore

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

29 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

SON MOITOS os veciños que se preguntan, que me preguntan, como nace e medra unha cidade como Compostela, con estas letras tratarei de contestarlles. Certo que a súa orixe é anterior á miña pero, por fortuna, estivo sempre moi ben documentada polo que resulta doado seguirlle o fío. Sita no corazón de Galicia, da que é capital, mostra a impronta da Igrexa, a Universidade e o campo circundante que lle proporciona o alimento traído polos campesiños (sen eles non pode entenderse nin a arquitectura nin a historia de Santiago, como gustaba dicir don Ramón Otero Pedrayo). A súa historia e riqueza monumental xustifican a declaración, en 1940, de Conxunto Histórico-Artístico e de cidade Patrimonio da Humanidade en 1985. Compostela xorde arredor da invención (de invenire: atopar) dun edículo que o bispo de Iria Teodomiro e o rei astur Alfonso II queren que conteña os restos do Apóstolo Santiago. No ano 830 o locus sanctus Beati Iacobi contaba con tres hectáreas, delimitadas por un círculo de tres millas de radio, que tiña por centro a igrexa do Salvador de Antealtares, núcleo do mosteiro benedictino, custodio dun santuario dunha nave que contiña o sepulcro apostólico, ampliado por Alfonso III no ano 872 para convertelo en basílica de tres naves nas que pervive a cabeceira cadrada que incluía o edículo. O bispo que nos rexía era Sisnando, protagonista da primeira expansión protourbana capaz de aloxar ós inmigrantes rurais e a aqueles peregrinos que deciden non retornar ós seus lugares de orixe e instalarse perto do sepulcro apostólico. Superada a razzia de Almanzor no ano 997 e o terrible ano 1000, empeza a configurarse como cidade. O bispo Cresconio (1037-1066) constrúe unha muralla (con torres e oito portas: Pena, San Roque, Subfratibus, Trinidade, Mámoa, Mazarelos, Faxeira e Camiño), definidora do perímetro histórico da famosa améndoa que chega ós nosos días. No seu recinto albergaba catro igrexas: Catedral, San Salvador de Antealtares, baptisterio de San Xoán e Corticela, englobadas hogano dentro do conxunto catedralicio. Parece que daquela xa existían algúnhas vías como Pinario, Lovios ou Vilar, que continúa sendo a rúa principal e da que se conserva un documento datado en 1179 testemuña da venda por parte de Pelayo Pérez a dona Elvira, abadesa de Conxo, de media casa e forno «in ciuitate Sti Jacobi in rua q. dicitur uallis milvorum et vilar». Cando o idioma galego releva ó latín nos documentos públicos, pasa a denominarse rúa do Vilar, e así consta nun testamento do ano 1329. Este nome tivo unha vixencia de séculos, por iso me resulta tan raro escoitar agora ós veciños dicir que van á rúa do Villar. Xa vos contei que no cruce con Praterías había un mercado. Co cambio de monarquía (da astur á leonesa), a cidade perde en parte o seu exclusivo sentido eclesiástico e empeza a transformarse na urbe mercantil que coñecemos a día de hoxe. Ábrense novas rúas: vicus francorun (Franco), vicus preconitorium (Preguntoiro, onde se lían os pregóns) ou a Praza do Campo (Cervantes) que acolleu durante anos un mercado. Alfonso VI nomea bispo a Diego Peláez en 1070 e empeza a construción da actual catedral, acto inmortalizado en dous capiteis da capela do Salvador (a máis antiga da xirola). As cartelas indícannos que corría o ano 1075 e sinalan os dous promotores. Pero, en 1088, o bispo cae en desgraza paralisándose as obras ata o ano 1093, cando Xelmírez chega a Compostela acompañando a Ramón de Borgoña e á súa esposa Urraca (filla do rei), para converterse no grande señor da cidade. aldonzadepraterias@yahoo.es