Augusto Himeneo

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

22 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

POIS XA foi. Compostela, como o resto do país, ficou onte paralisada diante dese invento que chaman televisión para seguir con todo detalle a famosa voda. Unha, que é doutra época, non acaba de entender esta nova tendencia de vivir os acontecementos desde un sillón. Nese aspecto, os meus tempos eran moito máis divertidos. Cando había algo que celebrar, xa fose voda ou bautizo real, botabámonos á rúa, desde o alcalde ata o último veciño, participando ben na confección dos distintos trebellos programados, ben como miróns. Ata os pobres de solemnidade acostumaban resultar favorecidos, xa que os festexos incluían sempre algún tipo de esmola. Quen máis traballaba era a corporación municipal, especialmente o señor alcalde, por ver qué inventaba para resaltar o acontecemento (moitas veces contratábanse touradas, lidadas en prazas portátiles que se montaban en distintos puntos da cidade: Obradoiro, Toural, Porta do Camiño, San Roque ou Cervantes). A maiores, o noso rexedor encontrábase co dilema de que non toda a corporación era parcial de andar celebrando, así que tiña que convocar ós concelleiros mesmo baixo ameaza de multa. Cando en 1830 casou Fernando VII con María Cristina, a non comparencia á convocatoria castigábase con 50 ducados, e daquela si que apareceron os recalcitrantes. Unha vez reunidos, decidiuse festexar durante tres días, proclamado o acto por bando para que todos se informasen e enviando as correspondentes esquelas ás autoridades. O primeiro día, á primeira hora da mañá, formouse solemne procesión desde o Obradoiro ata a igrexa de San Agostiño, flanqueada pola tropa de gornición en Santiago. Presidían o cortexo os retratos dos reais noivos colocados en carro triunfal no que se lía a oda: «Al augusto Himeneo festejando / el pueblo de Santiago en raudo vuelo / eleva entusiasmado al alto Cielo / los nombres de Cristina y de Fernando». Tal pérola débese ó inspirado estro de Nicolás de la Riva. Xa na igrexa, situáronse as efixies no altar maior e a capela de música da catedral cantou a Misa de Pontifical oficiada polo bispo auxiliar. Rematada a función, retiráronse as dignidades coa mesma pompa, para regresar ás tres e media e asistir ó Tedeum , do que volveron saír coa mesma solemnidade, esta vez acompañados dos retratos que quedaran expostos na igrexa. Ás oito da tarde e ata as doce, Compostela luciu coa iluminación xeral, mentres no Obradoiro, dúas bandas do Rexemento, acompañaban a sesión de fogos artificiais. Todo isto, claro, con repique de campás durante o día e adornos das casas con decentes colgaduras. O máis destacado do segundo día foi o desfile polas rúas do carro triunfal con coros de nenos cantando, acompañado de comparsa e banda. No terceiro servíronlle ós presos da Falcona unha comida á que asistiu a Corporación; á tardiña, houbo baile no Obradoiro, presidido outra volta polos retratos, rematando a festa co lanzamento dun globo. Pero xa estamos a domingo 23 (conmemoración da Batalla de Clavijo), e na catedral ten lugar un acontecemento que só se pode presenciar tres días ó ano: no crepúsculo, cando o sol entre polos ventanais do Obradoiro, iluminará o rostro do Apóstolo que preside o altar maior e poderedes contemplalo en todo o seu esplendor, máxime este ano que estrea traxe. Se ides á praia e perdedes o espectáculo, sabede que se repite o 25 de xullo e o 30 de decembro. E por se quedan mociñas que seguen cismando na voda, dedícolle estes versos, adaptación libre dos cantados noutro esponsorio real: Vinde hermosas santiaguesas aldonzadepraterias@yahoo.es