A decisión de Jacobo Remuñán de facer estas fotografías obedece a que un bo día caeu na conta de que estaba sendo testemuña de sentimentos e de emocións que lle permitían «retratar a alma humana». Por iso o traballo que Remuñán presenta nesta exposición transcende as características visuais do retrato para ofrecerlle ao público o mundo interior que aflora aos rostros da xente cando acadan a meta, cando sinten recompensada a devoción, a espiritualidade ou o afán de aventura que os moveu a facer o Camiño de Santiago por calquera das súas rutas. A maioría das arredor de cincuenta fotos da mostra son en branco e negro e foron feitas este mesmo ano. Esta é a primeira exposición de Remuñán despois dalgunas colectivas nos seus anos mozos. A mostra coincide coa publicación dun libro de fotografías en branco e negro de Santiago, Sombras de pedra , editado en colaboración con Lúdica 7.