Un lumepán pasado por auga

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

SANTIAGO

ANXO ABALO

En directo | A choiva restou participación á festa popular de Buxán, en Rois Os veciños recuperaron a tradición de alumbrarlle ao pan e ao mesmo tempo compartiron sardiñas e mexilóns para pedirlle aos deuses boas colleitas

01 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Lume na terra e auga do ceo para celebrar, na noite do 30 de abril, a chegada da estación dos froitos coa larada do lumepán, tradición que recuperaron os mozos de Buxán coa colaboración do Concello de Rois. A choiva restou participación e, sobre todo, vistosidade á festa, celebrada ao pé do castro de Picadizo con sardiñas, mexilóns, pan de millo e viño, todo gratis, e coa música dos gaiteiros, que animaron os ánimos dos participantes. Eran preto das dez da noite do venres cando o lume prendeu na morea de leña xuntada polos mozos. Caían as primeiras gotas de choiva que pouco a pouco cubriron o negro ceo para aguar unha festa tan popular como antiga, concebida antaño para alumbrarlle ao pan. Aínda así, a choiva non puido co lume da larada, que se consumeu ata o final coa supervisión do equipo de Protección Civil de Rois e a tanqueta municipal, para que non houbera ningún tipo de incidente, como así foi. Ata Buxán achegáronse, ademais do alcalde e a concelleira de Cultura de Rois, persoas de distintos puntos da parroquia e do concello, especialmente mozos, moita xuventude, reunidos todos, paraugas en man, en torno ao lume, verdadeiro protagonista da festa. Lumepán, lumepán, cada gran o seu toldán , hai que cantar, segundo dí a tradición. Pero o certo é que que a tradición se perdeu pero tamén as colleitas, alomenos en Buxán. Apenas quedan leiras de centeo, avea ou trigo como antaño, e as de millo cada vez son menos ante o abandono da gandeiría, unha tendencia xeralizada en toda a comarca. Aínda así, por que non rogarlle aos deuses da natureza que protexan as colleitas da terra, sexan do que sexan, millo, patacas ou viño. De feito, tamén se di: «Alumbrarlle ao noso viño, cada bogo ao seu xerriño». Con tanta tradición esquecida, preto de vinte anos despois do último lumepán en Picadizo, os xóvenes de Buxán fixeron un gran esforzo por recuperar a tradición e que agardan mellorar e potenciar de cara ó vindeiro ano para «Alumbrarlle á nosa avea e cada freba á súa pavea».