Aldo Ceccato volve dirixir á Real Filharmonía no Auditorio de Galicia

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

O maestro Aldo Ceccato volverá dirixir á Real Filharmonía de Galicia o próximo xoves, dentro do programa de abono do Auditorio de Galicia. O actual director musical e artístico da orquestra I Pomeriggi Musicali de Milán e director emérito da Filharmónica di Stato Ceca di Brno, porase a fronte da formación compostelá para interpretar un programa con obras de Cadario, Berlioz e Xostacovich. Ceccato foi director de grandes orquestras, entre elas as de Filadelfia, Boston e Cleveland, a Filharmonía de Berlín e a de Londres ou a Sinfónica de Chicago, así como o titular da ONE. Pero tamén estivo á fronte dos teatros da ópera de Viena e París, do Covent Garden e do Scala de Milán. Ostenta as máis relevantes distincións musicais e é honoris causa pola Universidade de Michigan. Este concerto de abono contará, ademais, con outra relevante figura musical, a mezzosoprano sueca Katja Lytting. Esta cantante lírica, que nos seus inicios cantou con Pavarotti en Filadelfia polo feito de ter acadado o primeiro premio do concurso Pavarotti , actuou nas máis importantes salas de concertos de toda Europa cos grandes mestres, e interpretou un amplo repertorio operístico en teatros como a Scala de Milán e o Covent Garden.