Ser escritora sen aceptar a etiqueta de muller

Camilo Franco SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Crónica | Tertulias do Consello da Cultura Rosa Aneiros, Inma López Silva e Anxos Sumai esquivan o adxectivo literario do feminio para explicar a súa obra

02 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?ebate vello para autoras novas: literatura de muller, literatura feminina, literatura feminista. Nomes alternativos para conceptos aínda non definidos con esixencia. Anxos Sumai, Rosa Aneiros e Inma López Silva asumen a representación dunha nova ollada de muller nunha literatura, a galega, fundada na súa modernidade por outra muller, Rosalía de Castro. Hai coincidencia entre as tres e máis no público citado na biblioteca do Consello da Cultura Galega, de que hai diferencias, que hai distancias entre a literatura masculina e a escrita por mulleres, son diferencias de enfoque máis que de posibilidades. Hai diferencias, pero a etiqueta non gusta moito. Inma López Silva suxire a idea de que o fenómeno en Galicia é buscado «porque se deu un certo éxito na poesía nos anos noventa e facía falta buscar esa mesma posibilidade na narrativa». Para as outras dúas mulleres invitadas a falar, a existencia dunha narrativa galega escrita por mulleres vén dada por outras circunstancias bastante menos concretas e menos manipuladas. Rosa Aneiros considera que «somos dunha xeración que tivo o galego na escola e que tivo un encontro natural co idioma». A autora de Resistencia entende que a presencia das mulleres na literatura non depende da vontade editorial «porque nós xa estabamos escribindo, en certo sentido é unha consecuencia da sociedade». Anxos Sumai, autora do libro Anxos de garda , anda menos interesada en saber se hai literatura de muller como en contar as cousas máis cotiás da vida: «Non me sento a escribir pensando en se son muller ou non, séntome pensando nas cousas que me rodean, nas cousas que parecen pequenas e que hai veces que pasan desapercibidas». O central do debate recaeu sobre a condición feminina tanto ou máis que sobre a condición literaria, máis sobre os pontos de partida, no caso do que os haxa, máis que sobre as consecuencias da condición de muller. Para Víctor Freixanes, que introduce habitualmente as tertulias do Consello, a intención non era tanto de repasar as miradas de muller na literatura máis recente como de ver o outro xeito de mirar destas escritoras, «outras miradas nas que hai moita frescura e talento». Foi o escritor Gonzalo Navaza quen reclamou máis opinións literarias e as tres escritoras apuntaron algunhas das súas motivacións fundamentais. Por un certo consenso explicaron que a obra de Inma López Silva está máis próxima á de Rosa Aneiros que á de Anxos Sumai. Aínda así, Silva considera que a súa escrita é máis «estética, máis preocupada polas palabras» que a de Aneiros. Chegaron á conclusión que unha parte desas diferencias proceden de que Silva se formou como filóloga e Aneiros é xornalista. Sumai, polo explicado, está a máis distancia das outras dúas porque «o meu libro naceu doutro xeito -asegura a autora- naceu como un diario na rede e non sei como o tería escrito se soubese que ía acabar en libro. Quizais a escrita fose diferente, pero as preocupacións serían as mesmas». Tampouco coinciden as tres no porvir da literatura que, tanto Rosa Aneiros como Anxos Sumai, ligan directamente á supervivencia da lingua, mentres Inma López Silva é máis optimista.