A unidade e a verdade

SANTIAGO

O TINTEIRO | O |

12 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

A REACCIÓN política, institucional e social desta cidade ante a abxección e a barbarie terrorista amosa un grao importante de madurez democrática, na que por riba das desavenencias ideolóxicas se sitúa o sentido común. E por iso, as astracanadas de catro xaimitos sempre quedan eclipsadas polo sentir dunha inmensa maioría cidadán que sabe o que signifca a dor deses miles de persoas afectadas pola matanza de Madrid. Hai que recoñecer o escrupuloso exercicio de respeto dos políticos locais ó que foi a suspensión da campaña, co que iso significa. Pero as eleccións do domingo teñen xa escrito un prólogo coa tinta do sangue. Por iso, o queiramos ou non, a xornada electoral estará marcada pola catástrofe. Ante este feito innegable o mellor favor que se lle pode facer á democracia, ás víctimas e a toda esa cidadanía que saíu onte a rúas sería que antes do domingo poidera aclararse que clase de serpe fixo esta macabra canallada. Dende o punto de vista do terror e da morte da igual quen promoveu a matanza. Pero dende a óptica política, en troques, non é unha cuestión baladí. E a verdade, neste caso, é indispensable para todos nós. É dicir, para a democracia.