Deformis formositas

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

06 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ACABO DE aterrizar de volta de Sevilla onde asistín a un congreso internacional sobre a muller -SIN CARNE Imágenes y simulacros del cuerpo femenino- organizado pola Universidade hispalense, e podo asegurarvos que a representación compostelana deixou o pavillón ben alto. Por parte das miñas cualidades artísticas louvadas, entre outros, polo profesor Williams, da Universidade de Prestenton, que na revista Quintana me sitúa entre as obras mestras do románico, o grupo que me acompañou, todas damas con residencia na catedral, non desmerecía en absoluto. Xuntámonos un fato de belezas, malas como o demo, das que alarmaban a Xoán Crisóstomo, bispo de Constantinopla, quen consideraba a muller «mal necesario, tentación natural e perigo doméstico». Un arquetipo da luxuria estivo representado pola arquivolta procedente do Pórtico da Gloria, hoxe exposta no museo catedralicio, na que unha muller núa ten os peitos chuchados por dúas serpes, mentres que da boca lle xorde unha figura mordida por un posible dragón. É o castigo da muller pecadora que, co seu corpo, leva ó home á perdición. Porque, para a Patrística, o sexo era o peor dos pecados, chegando a castigarse cun ano de xexún e penitencias cada acto prematrimonial. Tal fobia ó encontro carnal tiña que ter un culpable, e ninguén mellor que Eva para personificalo. Eva amamantando a Caín, a miña veciña de Praterías, fea como un pecado e seca como unha pitela, case transcribe as palabras de Odón, abade de Cluny: «Se os homes visen o que hai debaixo da pel, a visión das mulleres daríalles náuseas». As figuras que levantaron maiores entusiasmos foron a Acrótera e a Vulvae, espléndidas como corresponde ó sentido simbólico da arte medieval que contrapón a deformación -a deformis formositas- (formas belas por expresivas, para representar ó pecado), á púlchritudum ou beleza divina. Enriba da capela da Santa Fe sitúase a Acrótera atribuída ó mestre de Praterías, unha muller semiespida, de longos cabelos soltos que cabalga sobre un león, con tódalas connotacións que inda hoxe en Galicia ten o verbo montar. Para algúns estudosos, como o profesor Manuel A. Castiñeiras, esta bruxa libidinosa garda relación cos aquelarres. Quen deixou pasmado ó personal foi a Vulvae, a única que vive dentro da catedral. Unha muller escarranchada, que ensina o baixo ventre convertido en cabeza leonina, en boca do inferno. O correlato estaría no Libro dos Proverbios: «Hai tres cousas insaciables e unha que xamais di abonda: o inferno e a boca da vulva». O que máis chamou a atención en Sevilla foi a crueldade dos nosos canteiros que, despois de crearen tan perfecta figura, cortáronlle os narices antes de empoleirala no capitel do transepto, por tomar ó pé da letra o sermón da Traslación que se lía o 30 de decembro, no que se declaraban merecentes de tal castigo ás meretrices que saían ó encontro dos peregrinos. A min o que me pasmou foi a velocidade. Ás 20.45 estabamos en Lavacolla e ás 22 cenabamos á beira do Guadalquivir. Lembro cando en 1736 o Hospital Real enviou un prego urxente ó Gobernador do Consello en Madrid. Encargouse de levalo Pedro Fariña, que saíu de Compostela o 10 de febreiro e chegou o 14. Como tardaron en contestarlle, non pudo emprender a viaxe de regreso ata o día 28 ás dúas da tarde e veu chegando ás sete horas do 3 de marzo. Na ida investira catro días e vinte horas e na volta cinco días e outras tantas horas. A distancia percorrida fora de 214 leguas e ó mensaxeiro abonáronlle 2.889 reais, aplicando unha tarifa de trece e medio por legua, mais un complemento por gastos ata un total de 3.000 reais. A odisea levantou admirativos comentarios na cidade.