Cultura de pacto

XOSÉ VALIÑA

SANTIAGO

SALGUEIRIÑOS | O |

26 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NON SEI se o pacto de goberno suscrito por socialistas e nacionalistas en Santiago vai garantir unha mellor xestión da cidade. Dentro de tres anos analisaremos os resultados. Unha cousa é certa: a solución pactada tiña o informe favorable de amplios sectores cidadáns. Creo que a fórmula do acordo implica boa saúde democrática. Máis aínda, sería interesante que os rexidores tiveran algunha vez que xestionar a súa cidade de xeito concertado. Compartir posturas e criterios fai menos inimigo ó rival, sobre o que se acostuma a pór unha bota enriba cando se ten unha maioría esmagante. A cultura do pacto é un exercicio de democracia en toda regra. Saber gobernar deste xeito non é nada doado, e si moi meritorio. Sánchez Bugallo non perdeu as eleccións en Compostela, como afirma Francisco Vázquez. Obtivo unha maioría coa que, mal que ben, podía levar as rendas da cidade. Pero cultiva o pacto con naturalidade, e así gaña. Non imaxino a Francisco Vázquez nesa tesitura. Estou totalmente seguro de que se un día tivese unha maioría insuficiente, perdería irremediablemente as eleccións. Veríase tan constrinxido como o ámbito do seu municipio, e as portas de María Pita pecharíanse detrás del.