Entrevista | Néstor Rego Candamil «O que facemos é mirar cara adiante e pensar no futuro. É un pacto co compromiso de traballar a favor do cumprimento do programa acordado»
13 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Néstor Rego afronta o novo cogoberno de Santiago dende unha plataforma, a do seu grupo, que lle dá unha grande proxección social, como se ansiara que os composteláns, no 2007 electoral, teñan unha imaxe nidia do que os concelleiros do BNG son quen de facer. En compromiso de lealdade, por suposto, cos seus socios do PSdeG-PSOE. O novo concelleiro de Cultura e primeiro tenente de alcalde só fala da contribución ó desenvolvemento da cidade e ó benestar dos seus veciños. -¿O BNG fai «tabla rasa» dese pasado de tensións cos socialistas? -O que facemos é mirar cara adiante e pensar no futuro. É un pacto de goberno co compromiso de traballar a favor do cumprimento do programa acordado e facelo dende as posicións de cada quen con lealdade e un funcionamento coordinado. -Dalgún xeito poderíase pensar polas atribucións que obtén o BNG, que o seu grupo lle pasa factura ó PSdeG polo asunto Sogama. -Non queremos facer unha lectura en termos de gañadores ou non gañadores. Entedemos que quen gaña co acordo é Santiago de Compostela. Tratábase de buscar unha posición na que cada forza política puidese contribuir na medida das súas posibilidades e capacidades ás políticas públicas e á mellora da calidade de vida do conxunto da cidadanía, e o BNG propuxo facelo naquelas áreas nas que entendemos que neste momento temos máis posibilidades, por exemplo na social e cultural ou na promoción económica. -Por iso. O BNG, con catro concelleiros, acada unha grande proxección social. -Si. Nós estamos satisfeitos co contido do acordo e orgullosos de poder contribuir á gobernabilidade de Santiago. O que se demostra é que o BNG é unha forza útil para Santiago e pretendemos seguilo demostrando nos próximos tres anos e medio. -¿Cal vai ser o rasgo definitorio que aportará o Bloque a este goberno? -Dentro desa liña de políticas sociais, benestar e creación de emprego, hai que poñer en marcha os instrumentos que permitan que o Concello teña unha participación activa no desenvolvemento económico da cidade. E a posta en marcha de novas escolas infantís, ou darlle un impulso á dotación de infraestructuras deportivas e á dinamización do tecido que xa existe; e na área de cultura o obxectivo é consolidar un papel que xa ten Compostela de referente cultural na liña de comezar por potenciar a producción propia. Todo vai nesa única dirección de buscar unha cidade máis desenvolvida, con maior nivel de vida, con maior calidade social e cohesionada socialmente. -Empeñarase en demostrar que a cultura que propugna o BNG non é «de feira» como se ten dito. -Non quería dicilo así, pero efectivamente. Temos que situarnos culturalmente no mundo como somos e ó mesmo tempo recibindo o que os outros producen. Hai que buscar un equilibrio entre o noso e o dos demais. -¿Que prioridades do BNG non están recollidas no documento? -(Sorrisos e silencio) -Diga un par delas. -Dígame vostede. -Por exemplo, vexo pouca presencia explícita da municipalización de servicios. Fálase da Casa de Acollida, pero pouco máis... -Hai máis cousas. Pero tampouco quero incidir nas cousas que quedaron polo camiño. Entre elas está o sistema de tratamento de residuos. -Iso xa se daba por suposto e ademais suponse que está superado. -Si, é algo que non compartimos, pero forma parte do pasado. Efectivamente, nós faciamos unha aposta máis clara pola xestión directa de servicios públicos porque entendemos que é unha garantía de que se xestionan en función do criterio de utilidade social. Tamén faciamos unha aposta máis firme pola construcción dunha democracia participativa... Pero cremos que en ambos casos, como en algún outro, están apuntadas unhas orientacións e agora se tratará de desenvolvelas día a día. Na área de participación se recollen compromisos importantes que permitan seguir avanzando, como a creación de novos consellos e os orzamentos participativos. En relación coa xestión municipal, formará parte moito máis do debate día a día no momento en que haxa que poñer en marcha determinados servicios.