«Agora si que hai dous alcaldes»

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Entrevista | Néstor Rego Candamil «Cando se escollen socios escóllense políticas, e Sánchez Bugallo prefire facer políticas de dereitas»

22 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O actual escenario político do Concello de Santiago, protagonizado polo entendemento entre o PSdeG e o PP era pouco previsible hai poucos meses. O nacionalista Néstor Rego parece ter asumido o papel de xefe único da oposición no pazo de Raxoi, no que proclama disposición ó debate político sereno, ó diálogo e á procura de acordos. -¿Considera xa estabilizado o equilibrio de forzas en Raxoi? -Si dá a sensación. Confírmase a hipótese que nós xa avanzamos: Sánchez Bugallo prefire como socio ó PP e cando se escollen socios temos claro que se escollen políticas. Bugallo prefire facer política de dereitas que políticas progresistas. Probablemente o electorado do PSOE estará cando menos confuso pola deriva do partido con Bugallo á cabeza, pois acaba conformando unha certa alianza co PP que segundo palabras do propio Dositeo Rodríguez é unha coalición informal, e na que se establecen acordos dá a impresión que opacos pois a cidadanía non coñece o seu alcance e contido. -¿Neste escenario está o BNG de convidado de pedra? -Non. O BNG fai o seu traballo como forza de oposición, como única forza de oposición. Neste momento somos o único referente inequivocamente progresista que existe en Compostela para a cidadanía. Nós imos seguir facendo o noso traballo de forza de oposición, responsablemente, con sensatez como é habitual en nós. O feito de que haxa unha maridaxe entre Bugallo e Dositeo Rodríguez non quere dicir que o BNG sexa un convidado de pedra, senón que se visualiza diante da opinión pública que efectivamente existe un acordo entre o PP e o PSOE, pero ademais se visualiza dunha maneira que deixa en mal lugar a Bugallo. -¿Porque agora practícase co PP a teoría dos dous gobernos? -Si. Hai só uns meses, Bugallo utilizaba o pretexto de que non fora posible un acordo co BNG porque o BNG quería que houbese dous alcaldes, cousa que por outro lado non era certo, e cando ese argumento non lle funcionou pasou ó do lixo. Bugallo parecía preocupado porque non podía ser que houbese dous alcaldes, sen embargo non parece preocupado porque agora haxa dous alcaldes. Dositeo Rodríguez exerce efectivamente de alcalde. A reflexión é: ¿que pensará o electorado progresista do PSOE de que Bugallo lle teña abertas as portas do goberno municipal a Dositeo Rodríguez? -¿Está cómodo o Bloque no papel de oposición? -O BNG está onde ten que estar. O noso pacto fundamental é coa cidadanía. De ningunha maneira poderiamos traizoar o noso programa a cambio dunha participación no goberno municipal. -¿Onde ve vostede unha perda do referente progresista? -Xa houbo elementos que dan esa pauta de comportamento. Non é progresista privatizar un servicio público que funcionaba perfectamente como a Escola Municipal de Música, nin opoñerse á xestión directa da Casa de Acollida, nin darlle carpetazo á participación cidadá no Concello. Tamén era progresista que as vivendas baleiras tivesen un recargo no IBI e simultaneamente rebaixar o tipo de gravame do imposto. E en materia de xestión de residuos o progresista é a compostaxe. -¿Que pensa cando ó BNG de Santiago lle piden a estas alturas profesión de fe institucional? -Sánchez Bugallo semella que está máis preocupado polo BNG que por gobernar. Non hai ningunha lección de democracia que debamos recibir. O conxunto da cidadanía coñece cal é o noso talante e a responsabilidade cívica coa que acostumamos a actuar. Nós sempre imos antepoñer os intereses da cidade ós partidarios. Dá a sensación de que Bugallo non. É tremendo que dende posicións pretendidamente democráticas se demonice que as decisións se tomen colectivamente. Esta mesma fin de semana o BNG vai dar un exemplo de funcionamento democrático ó conxunto da sociedade. -¿Cabe esperar cambios despois da asamblea nacional? -Sinceramente, creo que non. Teño claro que o problema non está no BNG senón no PSOE. Hai unanimidade e claridade de ideas no BNG sobre a maneira de afrontar esta situación. De feito estamos mantendo os nosos compromisos. Quen ten que reflexionar é quen xerou esta situación.