O SERENÍN | O |
07 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.CANDO ERA NENA non había monarquía en España, pero existía a posibilidade de ser raíña por un día. E mira por onde, era posible na televisión, nun programa infantil que daban na tarde dos domingos. Era todo tan real naquela montaxe de ilusións e de inocencia, que a nena elixida lucía un fermoso vestido de tules, pedrería de fantasía e puntillas; tocábana cunha coroa dourada e sentábana nun trono rodeada dunha corte de damiñas e paxes. Naquel programa e para cantas o viamos os soños facíanse realidade. Pero xa daquela eramos conscientes, dalgunha maneira, de que os contos tiñan moitas versións, tantas como xeracións e como entornos reais (de realidade). Perdemos a inocencia e aprendemos a soñar con outros contos e con outras aventuras realizables. E seguimos soñando co futuro, chegamos as aulas da Universidade de Compostela e pelexamos enfrontando a dura realidade política, social e cultural, convencidos de que a imaxinación chegaría ó poder, que o mundo se transformaría e que a xustiza viría dada. Agora sabemos que os contos de fadas non se fan realidade. Só o de Letizia Ortiz, que mira ti por onde, non é da xeración aquela da raíña por un día.