TRIBUNA | O |
15 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ESTES DÍAS Manuel Portas liberou a súa voz para xustificar a oposición frontal que veñen exercendo. Estamos dacordo con el no parágrafo inicial: «Santiago foi na pasada lexislatura un modelo do funcionamento dos pactos». Entón, ¿por que se produce o cambio na estratexia negociadora do BNG?. Hai tres meses líamos no resumo do Debate do Consello Nacional do BNG: «Consecuencias eleitorales dos pactos: o BNG medra, en xeral, onde é oposición, e estáncase ou retrocede onde forma parte de governos de coalición, sexa liderándoos ou como socio minoritario». Esta valoración pon de manifesto a preocupación electoral da formación fronte ós pactos e súa preferencia por situarse na oposición para medrar. No mandato pasado, os pactos foron consecuencia dun documento consensuado sen condicionantes externos á realidade municipal. A portavoz da formación, Encarna Otero, tivo unha actuación exemplar en beneficio da cidade e do electorado que representaba. A portavoz foi sustituida porque un sector do BNG entendía que a política que ela propiciaba non era a adecuada. Hoxe, vemos o actual portavoz preso das decisións asamblearias e dos compromisos adquiridos con aqueles co apoiaron. A disculpa da adxudicación do tratamento do lixo a Sogama é pouco consistente. Os gobernos do BNG en Pontevedra, e cando tivo alcaldes en Ferrol ou en Vigo, incineran en Sogama, do mesmo xeito que o fan en outras poboacións da comunidade. Así, o portavoz local entra en contradiccións coas políticas seguidas polo BNG noutros concellos. A Asamblea Local do BNG en xuño considerou «que os resultados, sen ser de todo satisfactórios pola perda dun concelleiro/a, si teñen elementos positivos e esperanzadores para o afortalamento do nacionalismo no concello. Así é de resaltar o mantemento dos votos depositados no BNG, o recúo do PP e a necesidade que ten o PSdG-PSOE de contar cos apoios do BNG para realización dunha política axeitada ó interés da maoiría dos veciños do concello». É evidente que o BNG da preferencia ós seus intereses fronte ás preocupacións reais da maioría dos cidadáns, que votaron as outras duas forzas políticas. Nesta situación, o grupo de Goberno do PSdeG-PSOE, forza maioritaria, non pode, nin vai a pactar a calquera precio os asuntos da nosa cidade, sobre todo porque co noso programa estamos en condicións de facer unha política que é a que máis apoios dos cidadáns concita, cunha longa traxectoria progreso, que está á vista de todos. O demáis son febles xustificacións para exercer unha oposición frontal.