O Auditorio e a Filharmonía suben o nivel da oferta do programa de abono

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

ADOLFO ENRÍQUEZ

A temporada inaugúrase o próximo día 23 cun concerto dedicado a Brahms Directores como Aldo Ceccato e Alberto Zedda son un dos atractivos engadidos

07 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A temporada musical do Auditorio de Galicia marca unha cita para a maioría dos xoves de cada semana ate finais do mes de xuño. Os melómanos e afeccionados á musica culta teñen ante si unha programación selecta e variada en estilos e épocas musicais, así como pola presencia de directores como Christopher Hogwood, Giovanni Antonini, Aldo Ceccato e Alberto Zedda, orquestras e solistas. A Real Filharmonía de Galicia mantense como a columna vertebral do programa de abono do Auditorio, que foi presentado pola concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, e polo alcalde, Sánchez Bugallo, acompañados por Homero Pérez Quintana, xerente do Consorcio, organismo responsable da Filharmonía, e Silvia Modia, xerente do centro cultural municipal. A orquestra residente en Compostela vai interpretar 19 dos 27 concertos e será a encargada de inaugurala o próximo día 23, cun concerto monográfico dedicado a Brahms e dirixido polo seu responsable artístico, Antoni Ros Marbá. A boa relación e colaboración coa Sinfónica de Galicia queda de manifesto, un ano máis. Afrecerá tres concertos, o último deles o de clausura da temporada, o 20 de xuño, dirixida por Alberto Zedda e para ofrecer a coproducción co Festival Mozart da Coruña da ópera en versión concerto La donna del lago , de Rossini. Entre as guindas desta ampla oferta musical destaca o concerto que ofrecerá a Filharmonía o 5 de febreiro con firma de muller: Melanie Thiebaut coa batuta, tres solistas e un programa de compositoras de distintas épocas. Outra, a interpretación de Egmont , de Beethoven, pola Filharmonía, coa soprano galega Laura Alonso e co actor Luís Tosar de narrador. Música barroca Non é menos salientable a presencia no Auditorio ó longo dos vindeiros meses de formacións barrocas como a vocal I Fagiolini e as camerísticas Ars Combinatoria e Il Giardino Armonico, así como o recital para violín e piano a cargo do relevante violinista e violista Julian Rachlin e o pianista Itamar Golán. A inclusión no programa de abono da Orquestra da Escola de Altos Estudios Musicais, dirixida por Marbá, é outra novidade, así como a participación de coros coma o feminino e o de nenos da OSG e o de Cámara do Palau. Beethoven volve a ter un protagonismo especial, esta vez cos cinco concertos para piano a cargo doutros tantos relevantes solistas. A estrea dunha obra de encargo a un compositor galego correspondeulle este ano a Balboa. É un Concerto para violín , con Francisco Comesaña de solista e completando o programa de música contemporánea Stravinsqui e Schönberg. Marbá inclúe a outro autor galego actual, Manuel Rodeiro, nesta temporada.