O FIADEIRO | O |
16 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CADRANDO co 25º aniversario da inauguración da Galería Sargadelos en Compostela, puidemos ver unha ben documentada mostra sobre Ánxel Casal (1895-1936) e o seu tempo, dedicada á lembranza de quen fora alcalde mártir desta cidade. Isaac Díaz Pardo e o seu equipo, sempre na boa teima de recuperar a nosa memoria histórica, prepararon esta exposición gráfica e bibliográfica, celebrando tamén o arranxo do edificio da Rúa Nova, 16, unha casona de Domingo de Andrade, de finais do XVII. Alí escoitamos a Ramón Villares, que nos falou de Casal e a Compostela da II República; daquela experiencia democrática que «foi para atrás como a correa no lar», no dicir dun refrán que lle teño oído a miña nai. Asistimos á presentación de dous libros de Xosé Mª Dobarro e Ernesto Vázquez sobre o editor galeguista homenaxeado. Lemos a biografía que preparou Alfonso Mato sobre Casal e a súa dona. A primavera do 36 rematou nun verán toleirón e intolerante, que gadañou a vida de Ánxel Casal, de Alexandre Bóveda, de Camilo Díaz Baliño, de Federico García Lorca e de tantas xentes de valía nas quenturas daquel mouro agosto, fratricida e fascista.