Reportaje | Herbón celebrou a festividade de San Bieito coa tradicional oferta de galos Centos de fieis achagáronse ata o entorno do Convento dos Padres Franciscanos para renova-la súa fe no santo milagreiro ó que lle atribúen poderes para cura-las verrugas
11 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A devoción a San Bieito de Herbón vai a máis. Así quedou demostrado onte nesta parroquia de Padrón a onde acudiron, como cada once de xullo, centos e centos de fieis para renova-la súa fe no santo milagreiro ó que lle atribúen poderes para cura-los bultos e verrugas. Dende a primeira misa da mañá ata a derradeira da tarde o entorno da igrexa do Convento dos Padres Franciscanos foi un rebulir de devotos, moitos maiores e pequenos, que deron vida a un recinto que esmorece boa parte do ano. Non faltaron, por suposto, as rosquilleiras nin tampouco o polvo, o churrasco e o viño do país, todo elo baixo a incomparable carballeira. Pero, sen dúbida, un dos principais atractivos do San Bieito de Herbón segue a ser a subasta dos pitos que os devotos lle ofrecen para que cure os seus males. Non hai dar sin dar. Así, o galiñeiro do convento encheuse de aves, nesta ocasión máis ben pitiños que galos para que, pasada a unha da tarde e rematada a procesión, se escoitase unha única voz en Herbón. A de Pepe O Farruco . Con máis de setenta anos, este veciño de Herbón leva uns cincuenta poñendo a voz da poxa dos pitos, qué e a peculiar maneira que ten Herbón de dar esmola a San Bieito. Comezou polo máis preciado da devoción, o ramo de San Bieito, que nesta ocasión saiu barato, 10 euros pagados por unha veciña que o terá ata o ano que ven na súa casa. A partir de aí, Pepe foi subastando os pitos, a maior parte das veces en parella, de modo que as apostas ían subindo dende os tres euros ata os doce. Non faltaron os piques entre os veciños, a ver quen daba máis mentres o relixioso franciscano que levaba as contas botaba máis dun sorriso. O seu rival Nesta rara pero bonita maneira de dar esmola, moitos devotos pagaron o prezo que ofreceron pero, en cambio, rexeitaron leva-los pitos polo que eran subastados de novo de modo que a recolleita final foi importante. San Bieito de Herbón mántense así como unha das imaxes con máis devotos e iso que ten un rival duro, o San Antonio, patrono da parroquia padronesa.