O FIADEIRO | O |
26 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CUMPRE saudar a edición do libro de Víctor M. Santidrián Arias, Historia o PCE en Galicia (1920-1968), publicado nese Castro tan fecundo de Díaz Pardo. Na galería Sargadelos de Compostela, con cálida acollida, fíxose a presentación deste volumen (25/2/03). E non defrandou. Pode que para os máis novos e «informatizados», un PC sexa só un ordenador. Mais xente, o PC foi «o partido»; un grupo político nado dunha escisión do PSOE en 1920, minoritario nos anos da II República, pero con moito rol na guerra do 36 e na loita contra o franquismo. E con sorte cativeira no actual sistema. Agradecemos que un historiador recolla a vida do PCE en Galicia, dende a súa fundación ata a súa conversión en PCG (1968). Cumpre o obxetivo de encher un baleiro historiográfico. Abéiranse temas como a cuestión nacional, estructura e modelo de partido, a súa implantación territorial, a súa liña política e de alianzas. Os profesores Justo Beramendi e José Gómez Alén introdúcennos nesta monografía de 683 páxinas. E con Beramendi recoñecemos que o libro «é froito de moitos anos de bo traballo», aconsellando a súa lectura ó lector interesado no pasado ou no porvir do país.