A PRIORI | O |
07 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A PRIMEIRA xornada da feira comeza e remata con monólogos, xénero que os espectadores agradecen porque, cando está ben resolto, permite unha proximidade que non hai noutras formas teatrais. Os asuntos sociais e a necesidade das compañías de resistir os malos tempos con espectáculos de pequeno formato, tamén inciden na existencia cada vez máis cotiá deste xénero. . María a Parva. Sala Galán. 17 horas. Xogos de humor para tempos de crise. Ironía e paradoxo son ferramentas de interpretación que se utilizan neste segundo espectáculo da compañía que protagoniza Gena Baamonde no primeiro monólogo do día. As damas do Ferrol . Teatro do Noroeste. Sala Yago. 18.30 horas.Dúas mulleres illadas nun espacio e que van erguendo un xogo entre a ficción e a realidade, que o espectador só pode ir dilucidando a medida que vaia avanzando a obra, aínda que non as teña todas consigo sobre cal é o verdadeiro fondo do asunto. Bar de lágrimas . Los Ulen. Salón teatro. 20.30 horas.Humor negro, humor negrísimo que o mesmo bebe dalgunhas fontes do surrealismo, como do humor popular (haberá que engadir que andaluz). Case nada é o que parece nesta montaxe. Os seus personaxes esperan, aínda que non sexa a Godot, pero non se sabe se o seu reino está neste mundo ou no outro. Vanzetti . Teatro do Atlántico. Principal. 23 horas.A medida que se achega o primeiro de maio, a medida que se vai esvaíndo a maquillaxe democrática dalgúns gobernos, a montaxe dirixida por Xulio Lago vai tendo máis sentido. Vanzetti foi un sindicalista non sei se utópico porque non sei se existe o sindicalismo utópico. Teatro do Atlántico enfróntase a un xeito de biografía deste axustizado por defender dereitos laborais que acabou convertido en heroe da clase traballadora moito antes de que Lennon quixera ser tal. Monólogo do imbécil . Santi Prego. Sala Nasa. 01 horas.Con texto de José Luis Prieto, Santi Prego exercita o monólogo, ou teatro unipersonal para decilo máis moderno, cun personaxe que decide facer autobiografía para descubrir que todo marchaba bastante mal. Outra mostra de humor agridoce, paradóxico. Ese humor que agacha algúns dos problemas da realidade.