A actriz Susana Dans reivindica o compromiso social do teatro

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

SANTIAGO

ANXO ABALO

Onte recolleu en Padrón o Premio Maruxa Villanueva A homenaxeada considerouse afortunada por adicarse a «un oficio moi bonito»

22 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A actriz Susana Dans López reivindicou onte en Padrón a «responsabilidade e o compromiso social» do teatro, actividade que ela considera como un «oficio moi bonito». Susana Dans estivo na vila padronesa para recibi-lo segundo Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, que lle entregou o alcalde Xesús Villamor. E recibiuno, segundo dixo, honrada xa que se trata dun premio que, no seu segundo ano de vida, non pode estar «dotado da maior grandeza» polo nome que leva -Maruxa Villanueva-, o de quen o concede- o Concello de Padrón- e o do premiado que a precede, Roberto Vidal Bolaño, falecido meses atrás. Susana Dans, que lembrou no seu discurso que Padrón é unha terra de «grandes mulleres e tamén de homes», recibiu como primeiro agasallo un cheque por importe de 1.200 euros, ademais dun pergamino e o máis importante, a estatuiña en bronce co busto da finada actriz.Ó acto, celebrado no salón de plenos do Concello con media hora de retraso debido a que o alcalde se demorou por un «compromiso deportivo», acudiu ademais o concelleiro de Cultura, Ángel Vázquez, e os representantes dos grupos da oposición Camilo Forján, Eloi Rodríguez e Octavio Sánchez, así como Euloxio Ruibal, membro do xurado.Tra-la lectura do acta, o rexidor falou do «cariño» que lle ten o Concello ó premio así como a figura de Maruxa Villanueva, fiel gardesa da Casa-Museo de Rosalía de Castro.