Toda unha pléiade de voces, músicos e actores galegos daránse cita na Nasa para arroupar a un dos grupos galegos de rock con máis personalidade
10 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.O actor César Martínez Goldi e a actriz Olalla Salgado serán os conductores de Aríns-Texas , unha historia de amor, corazóns escuros e chapapote na que se sucederán diversas intervencións como as dos grupos Samesugas, Túzaros, Amaghúa, Tres Trebóns, Playmother&Fuckerback, Papaquesitos, Non Residentz e Redullos; e artistas convidados como o Diplomático Xurxo Souto, o gaiteiro Budiño, as pandareteiras Liñaceira, Bocixa Zënzar; Marcos e Deví Drinkin e Antón Papaqueixo . Ao remate deste drama proxectarase o curto Carne pendurada , grabado por Ruxe-Ruxe e que figura co seu novo disco, A terra dos comentos , que pasará a soar en directo de seguido. ¿Por qué toda esta dramaturxia musical se chama Aríns-Texas ? Pois porque nun cortello de Aríns foi donde naceu hai sete anos esta banda compostelán que mixtura sons tradicionais e rock con acordeóns, frautas, gaitas, violíns e guitarras eléctricas. Unha formación, aparentemente, con tódolos atributos para formar parte do bravú , pero que non quere saber nada dese movemento. «O que siñifica bravú , que se define como algo feito en galego, con carraxe, nós estamos dacordo con iso -confesa o acordeonista do grupo, Sebastián Méndez-. Pero co que é o movemento en si bravú non estamos dacordo. Esa é unha etiqueta comercial que se sacou, un movemento no que nos meteron e do que o único grupo que queda en activo somos nós». Víctor Neira, guitarras e voz, responde como Arsenio Iglesias: «Nin nos sentimos nin nos deixamos de sentir de bravú , danos igual».