Marina Abramovic ensina a 28 persoas o poder da mente

REDACCIÓN SANTIAGO

SANTIAGO

A artista iugoeslava recluiuse co grupo para crear unha performance A artista iugoeslava Marina Abramovic iniciou nunha casa de Antas de Ulla a experiencia creativa na que guiará a 28 persoas decididas a acadar un estado mental limpo e cargado de enerxía. O resultado verase o día 26 ás 20 horas, na «performance» que montarán no Centro Galego de Arte Contemporánea os participantes neste particular taller para lograr o poder da mente sobre o corpo.

21 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A utilización do seu propio corpo, en moitos casos sometido a situacións límite, é desde hai 30 anos o obxecto das performances que crea Marina Abramovic, que ademais de artista é profesora da escola de arte Braunschweig de Alemania. A experiencia que leva a cabo en Galicia implica a 28 personas que aceptaron someterse a unha cura mental regulada por unhas duras condicións ó longo de sete días. O grupo recluiuse o mércores pasado, provisto duns poucos obxectos personais esenciais. E onte iniciaron a dura travesía trala que agardan acadar un estado mental sano e cheo de enerxía para realizar un traballo no que o meterial fundamental e case único serán eles mesmos. A pregunta é se todos van conseguilo, porque nese encerro non caben algaradas, nin sequera poderán comer nin falar durante cinco días enteiros. Só poden beber augas, ate tres litros ó día, e infusións. Os exercicios propostos por Marina Abramovic son tan sinxelos como difíciles, basados na resistencia e a concentración, na percepción, autocontrol e unha forza de vontade fóra de común, de maneira que o individuo se enfronta ós límites mentais e físicos. Empezaron sentándose nunha cadeira cara unha parede branca, inmóbiles unha hora. A secuencia vaise endurecendo ate o último exercicio, no cuarto día, de sete horas cara unha parede baleira. O quinto día poden comer. Será unha pelotiña feita con graus de pementa branca e negra, sementes de cilandro, unha pingas de auga e un pouquiño de mel, envolta nunha folla de ouro. A receta é dun mosteiro tibetano e consegue, logo dun sexún, acadar un estado de lucidez mental. Ó día seguinte pola mañá comerán arroz branco e auga, e á noite, despois de facer a obra de arte desexada, todo rematará cunha grande festa.