«Paparota» por separado

REDACCIÓN SANTIAGO

SANTIAGO

LUCÍA ROLLE / PACO RODRÍGUEZ

Os membros da corporación non almorzaron xuntos nas carpas da Alameda como outras veces

09 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

¿O primeiro reto electoral? Iso sería o primeiro que pensarían os que onte esperaban un almorzo comunal entre todolos membros da corporación municipal (con independencia da súa cor política) como pasara outros anos. Non houbo paparota compartida baixo a cuberta dos postos de polbo da Alameda. Membros da coalición municipal compartiron mesa e mantel, e os do PP tamén, pero a varios metros. ¿Que aconteció as pasadas Festas da Ascensión? Chegou o consellerio Xosé Cuíña e fixo de paraugas protector para todo o concello. Cambiou no almorzo de onte o contexto. Resta algo menos dun ano para as eleccións municipais e o responsable de Política Territorial andaba a varios kilómetros de Compostela. Con todo, non fallaron os políticos a esta cita co xantar e a tradición. Só un: Xosé Sánchez Bugallo. A súa ausencia estaba xustificada, xa que andaba algo máis lonxe que o conselleiro, en San Sebastián, presentando a política de peatonalización da cidade. O resto da fauna política si pasou por unhas carpas nas que se freía o churrasco e se cocía o producto estrela. Os primeiros en pedir foron os representantes da oposición, con Dositeo Rodríguez á cabeza, quizáis por aquelo de que quen dá primeiro dá duas veces. Pero chegaron antes Encarna Otero, Xosé Baqueiro, Teresa García-Sabell e Luis Toxo que a comida. Tiñan estes unha mesa con mantel reservada no centro da comilona. Todos coa súa familia, como Néstor Rego. O responsable de Medio Ambiente foi un dos últimos en chegar, e neste caso foi pola súa banda. Outro caso similar foi o do concelleiro de Normalización Linguística, Manuel Portas. A seis euros saía cada ración de polbo. Resta outra dúbida: ¿quen convidaría? De seguro que non foron os dunha mesa os que fixeron o propio cos outros.