FOTOS

La Voz

SANTIAGO

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT O FIADEIRO

26 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Se, como afirmara Van Gogh, o cartel «é un berro dende a parede», a fotografía revélase tamén como unha chamada senlleira. Fai crónica do pasado e do acontecer. Abonda ver o labor dos fotógrafos na prensa, as obras de profesionais, afeccionados, ou as actividades que se desenvolven en diversos ámbitos, retratando o noso mundo e memorando o dos devanceiros. Dan fe do vivido. Interpelan. É labor meritorio a recolleita de fotos vellas por parte dos alumnos de secundaria nalgúns centros da comarca, guiados polos departamentos de Ciencias Sociais. No IES Xulián Magariños, de Negreira, editaron no 2000, A fotografía é a memoria visual do pasado e do presente, nun libriño bilingüe (galego-inglés), dentro do programa Comenius. Neste curso seguen coa recollida e mostra de fotos antigas, que completaron recentemente con imaxes da Intifada palestina. E no IES Terra de Xallas poderase ollar neste vindeiro maio A memoria recobrada, mostra na que un grupo de estudiantes, coordinados polo profesor Anxo Vieites, nos presentan fotos que reflicten parte da memoria gráfica xalleira. «O título ten algo de proustiano, de andarmos á busca do tempo perdido», dinos este docente. Actividades así contribúen a facer da educación algo máis ca un exercicio memorístico e pechado na aula. Son só dous exemplos válidos. redac.santiago@lavoz.com