A competencia de xéneros marca a oferta dun programa con catro espectáculos

C.P. SANTIAGO

SANTIAGO

A segunda xornada da Feira do Teatro combina a diversidade de prantexamientos, estilos e temas A diversidade de xéneros e prantexamentos dramáticos é o atractivo do programa da segunda xornada da Feira do Teatro. Os catro espectáculos, en vez de cinco, eliminan a función para noctámbulos da unha da madrugada, que se recupera xoves e venres. Enfronta, ademais, dúas compañías de fóra, Factoría Norte e Teatro Meridional, que chegan con novidades e boas perspetivas, con dúas da «casa», Matarile Teatro e Teatro do Noroeste, que presentan montaxes rodadas trala súa estrea hai uns meses. A afluencia de programadores non galegos resposta ás previsións, polo que se agarda que o mercado funcione nos dous sentidos.

09 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O segundo espectáculo para rapaces da Feira do Teatro chega de Xixón, con Factoría Norte, que actúa por primeira vez en Galicia. A obra é El espectáculo debe continuar, premiada na última edición do Festival Europeo de Teatro para Nenos celebrada en Asturias, na que os actores comparten escenario con títeres. Os adultos non teñen alternativas entre xéneros pola tarde. Matarile Teatro conxura á morte en A brazo partido, a última producción da compañía compostelana dirixida por Ana Vallés, que tamén é a autora do texto. A posta en escea de Baltasar Patiño funde na expresión corporal a capacidade de amosar o gusto pola vida fronte ó medo á morte, a realidade e a ficción. A comedia sube ó escenario con Teatro do Noroeste, que regresa con Alta comedia, obra dirixida e escrita por Eduardo Alonso, «sen basearme en ningún texto doutro autor», experiencia na que se estrea e que según el mesmo indicou pensa repetir. Trata do desencanto e da amargura a partir das relacións e ruptura dunha parella. Alonso aclarou que a obra, na que o protagonista masculino está moi metido no papel, non é autobiográfica.