MOEDAS

La Voz

SANTIAGO

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT O FIADEIRO

25 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Xa mesmo no comezo deste ano palindrómico e capicúa arramplei coas pesetas e nacín ó euro. Non é que de súpeto me convertera nun euroeufórico, pero tentei adaptarme dende o primeiro momento á nova realidade dos cartos correntes. E nestas datas iniciais vivín, ás veces abraiado, algunhas euronovas. O meu lotiño de moedas que sumaban dúas mil pesetas empezaba a virar escuro. ¡Eran as pezas máis miúdas e febles, ás que lles puxeran por unha cara a maxestosidade barroca do Obradoiro da catedral! Seica o Concello vai protestar e pedir cambios onde cumpra. Mentres, a efixie de Cervantes, con maior cotización, brilla esplendorosa. Ós galegos, pois, reflíctennos pobres. Xa logo, puidemos coñecer novas sobre as visitas ós dermatólogos polas alerxias do níquel -noutras pezas- e barullos coas falsificacións dos billetes. Pode tratarse das lóxicas picarescas e novidades nun cambio pecuniario tan transcendente -dende 1869 non ocorrera tal cousa-, pero o que máis me amola é esa imaxe pouco nítida, esa eiva de negrura que vai acompañar á nosa catedral -se non se remedia- por Europa adiante, nos petos dos españois e europeos. Prestixio ou turismo, non. Desprestixio. Xacobeo devalado. Oxalá que se poida arranxar de vez esta pexa nas moedas de 1, 2 e 5 céntimos de euro. Na súa estrea eran simpáticas, cobreadas, mesmo dotadas de atracción magnética. Que mágoa de aliaxe. Así non andan a dicir ben de nós na eurozona.