«A lingua é o instrumento que me serve para transmitir ideas»

CONCHA PINO SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Luisa Castro Legazpi, poeta e narradora

06 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Luisa Castro di que a distinción prodúcelle «alegría e satisfacción, porque sempre alegra que se acorden dunha». -¿Séntese profeta na súa terra? -Nunca me sentín profeta, nin aquí nin fóra de Galicia. Pero por primeira vez teño a oportunidade, que me concedo a min mesma, de poder traballar aquí despois de moitos anos fóra. -¿A súa traxectoria literaria sería a mesma publicando en galego? -Non o sei. Habería que ter feito a proba. Supoño que irme, vivir en Madrid e Barcelona, fai que a miña carreira vaia por un circuíto e non por outros. E a min funcionoume positivamente. -¿Decide regresar a Galicia con algunha perspectiva nova? -Non me gustan as limitacións, e cando me plantexei vir para Santiago, porque é unha cidade moi querida, foi porque me gostaría vivir e traballar aquí sen limitación algunha, non ten porque habela. Hoxendía, un escritor traballa igual nunha grande urbe ou nunha aldea. O único motor para min é o traballo, e cando é o soporte da túa obra o demais é secundario. -Din que a fama e o éxito páganse. ¿Tivo que render tributos? -Non. Síntome agradecida pola sorte, da boa resposta que obtiven. Pero nunca sentín que tivera que pagar por iso. -¿Nin presións editoriais? -Son quen son, e que este último libro esteña en Planeta é bo, pero non vai cambiar o meu sistema de traballo nin a miña producción. Non persego o éxito comercial, e non por falta de ganas de ter moitos lectores, pero prefiro o éxito desde a confianza no meu traballo. -¿Sente rechazo en Galicia por escribir en español? -Nunca o sentín. Publico en castelán, o que non quere dicir que non escriba en galego, por unhas circunstancias e un contexto. Marchei, e tiven a miña oportunidade en castelán. O que resulta difícil de explicar a algúns colegas e amigos é a aparente contradicción de escribir en castelán e, ó tempo, estar comprometida co meu país. Non teño compromiso co castelán nin co galego. O que importa é a calidade. A lingua non é máis ca un instrumento que procuro que se note o menos posible, que me serve para transmitir ideas.