«Non subiremo-las cuotas ata o 2003»

La Voz

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

XAQUÍN FERNÁNDEZ LEICEAGA, EDIL DE FACENDA NA CORPORACIÓN DE COMPOSTELA

17 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Xaquín Fernández Leiceaga é edil de Facenda no Concello de Santiago dende o mes de xuño de 1999. A súa chegada ó equipo de goberno, trala celebración das últimas eleccións municipais, motivou que a administración local recurrira por vez primera ó embargo bancario de contas para cobrar débedas. -A ninguén lle gusta recurrir a este tipo de cobro executivo. Nin a nós, nin moito menos -supoño- ós que lles acaban tocando a conta no seu banco. -O imposto de circulación en Santiago é dos máis baixos de Galicia. ¿Ve nisto un motivo de felicitación ou unha oportunidade para subilo? -Nas previsións do equipo de goberno non entra subir, de aquí ó final do mandato -será no ano 2003-, o imposto de vehículos. As subas que note o cidadán serán as derivadas da taxa de inflación. -Fonte importante de ingreso esta que proporcionan os vehículos... -Si. E podería selo aínda máis. Basta con reparar en que, ata o de agora, só recadamos 510 millóns de pesetas polo imposto do ano 2000, cando en realidade nos corresponden más de seiscentos.