«As plazas ocuparánas os mellores»

X. M. P. SANTIAGO

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

Manuel Bermejo Patiño di que a CIUG é «o gran invento das universidades galegas» Na quinta planta do facultade que foi de Xornalismo, na praza de Mazarelos, todo está disposto para a cita que nesta semana uns cinco mil alumnos teñen coas probas de acceso á universidade. Manuel Bermejo Patiño, químico e docente de vocación, controla e supervisa como presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) tódolos detalles de coordinación para o correcto desenrolo do proceso. Un tribunal único e 29 comisións delegadas, coordinadores e correctores esperan.

16 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O cargo de presidente é rotatorio. A Manuel Bermejo, que leva dous anos na Comisión como delegado do rector da Universidade de Santiago, correspondeulle este ano asumir esa responsabilidade. _Alguén diría, á vista de todo o traballo, que non lle arrenda a ganancia. _O traballo burocrático non para durante todo o ano, pero todo se multiplica durante o proceso final das probas. Entre maio e novembro esto é tremendo. Agora están aí as probas de setembro, con cinco mil alumnos, pero en xuño foron algo máis de catorce mil, ou sexa uns cento trinta mil exames. Un grande esforzo para todos nós e para os cinco auxiliares administrativos que aquí traballan. _¿E como diría que marcha todo esto? _Ben. Eu estou convencido de que a CIUG é o gran invento das universidades galegas nos últimos anos. Unha comisión externa encargada da realización das probas de acceso, convertida en garante, diante da sociedade, de que as plazas ocuparánas os mellores alumnos. Ésa é a nosa responsabilidade. _Unha responsabilidade compartida. _Aquí estamos tres representantes de cada unha das universidades galegas, designados polos respectivos rectores, e tres representantes do ensino medio, designados pola consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. _Son os que están na ponte de mando. _Éste é un distrito único e hai un único tribunal para a realización das probas. Logo noméase un coordinador para cada unha das materias que mantén reunións periódicas con representantes do profesorado galego e decide o modelo do exame. _¿Como se garante o segredo das probas? _O coordinador elabora seis xogos de exames diferentes que logo gardará e cusodiará o presidente do tribunal. Deses seis exames seleccionaránse públicamente tres. Enténdese que un para xuño, un para setembro e un máis por se ocurrira algunha anomalía.