ENTREVISTA Álvaro Negro Romero Acaba de gañar o «Premio Ildefonso Sánchez Mera» de pintura da Bienal Internacional de Arte Fundación Araguaney. Non é o primeiro nen vai ser o último de Álvaro Negro Romero (Lalín, 1973), un artista que mira con optimismo ó futuro da arte en Galicia e que non cre na marxinalidade dos localismos. As cincocentas mil pesetas do premio son un estímulo «e unha axuda moi boa» para seguir traballando sen renunciar «á arriscarme para buscar novas liñas creativas, porque na arte non te podes acomodar».
22 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.O cadro polo que lle deron o premio a Álvaro Negro é un acrílico sen título. Confírmalle que apostar polo colorido marca unha evolución positiva na súa obra «porque cando empecei con esta serie, a que lle chomo Luzpin 2000, as cousas non me iban tan ben coma co traballo que fixera ate entón». Pero engade que os artistas «temos que asumir que na nosa traxectoria hai altos e baixos». _¿Que hai en Lalín que produce tanto artista? _Penso que cando é dalí xente como Colmeiro e como Laxeiro, ós rapaces faíselles a pintura algo máis cercano. A miña avoa coñecía a Laxeiro e comenta anécdotas. E para ser un Concello pequeno fanse moitas actividades relacionadas coa pintura. _¿Sínteste herdeiro de Laxeiro, de Colmeiro ou de nengún deles? _Herdeiro estético non, porque a miña pintura non ten influencias deles. Pero sí sinto un gran respeto por eles, sobre todo porque empezaron nunha época na que era bastante máis dificil traballar na arte. _¿É realmente máis fácil agora? _Penso que se dan as condicións de normalidade democrática e económica, e incluso pola existencia de museos, salas de arte privadas, a Facultade de Bellas Artes, becas e concursos patrocinados por empresas coma este da Fundación Araguaney. Son puntos de referencia para ir traballando e conseguir cartos para seguir, que é do que se trata. _A Facultade de Pontevedra é a gran canteira. ¿Provoca que haxa máis artistas? _A consecuencia importante é que por primira vez, os artista galegos non temos que ir fóra, que podemos traballar aquí porque hai entidades e medios para facelo, cunha labor en casos coma o CGAC, de talleres para artistas e para nenos, que van máis aló do expositivo, que é fundamental para que a arte contemporánea chegue máis a sociedade. _¿Evita todo esto que se vaian ás grandes mecas da arte como Nueva Iorque, ou sigue sendo necesario? _Creo que sigue sendo necesario, porque aínda que teñas unha liña e uns intereses á hora de facer a túa obra, o artista contemporánea ten que ser conscente do tempo no que vive, que se está facendo e por que. A fin de contas a arte contemporánea é eso, unha arte que responde ó seu tempo. E máis nunha sociedade na que a globalidade é incontestable, queirámolo ou non. E creo que as posturas de marxinalidade a nivel de localismo quizá non teñan moito sentido. Para min non o teñen. _Pero Nueva Iorque no fondo non é máis que unha suma de localismos. _Sí, sobre todo de mestizaxes, que penso que é o máis fundamental. De feito, en Galicia, esa especie de dialéctica entre o local e o externo, entre periferias e centros, de culturas receptoras e emisoras, penso que hai que velo como un fenómeno que eu sempre exemplarizo coa catedral de Santiago, que sendo como un icono artístico da nosa cultura, foi construída a raíz de tódalas influencias que nos chegaron polo Camiño de Santiago. Penso que reflexa moi ben o que estamos a falar.