MARÍA CEDRÓN A ENTREVISTA Agustín Fernández Paz, escritor que acaba de publicar a novela «Aire Negro» Criado nas leiras da literatura xuvenil, o escritor Agustín Fernández Paz viaxa agora cara a novela de misterio. Faino en «Aire Negro», (Editorial Xerais), unha novela que relata a viaxe interior dunha moza neurótica ó máis puro estilo de Joseph Conrad.
31 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Chamada telefónica de sobremesa. Prefixo 986 e resposta rápida. Agustín Fernández agarda na súa casa de Vigo polo director de Xerais, Manuel Bragado. «Dentro de media hora marchamos para Santiago para presenta-la novela. Se queres aínda nos quedan uns minutos para falar». _Pois non perdamos tempo. Aire Negro, ¿novela de misterio ou de terror? _Ten un toque de misterio e medo, pero dicir só iso é quedarse corto. A novela ten moitas facetas. A historia de amor, a introspección persoal da protagonista... _Para que unha novela se venda ten que haber necesariamente unha historia de amor. _Non. De feito, esta é unha das poucas novelas miñas nas que hai unha historia deste tipo. Apetecíame escribir sobre as relacións amorosas, pero esta obra non entra dentro do tópico. _Moitos identifican esta obra con O corazón das tebras de Joseph Conrad. ¿É algo intencionado? _Iso é algo deliverado. Cando un narra algo, sempre ten certos modelos que lle sirven de referencia. Eu teño dúas obras. Outra volta de torniqueta, obra que describe un ambiente de misterio dentro da ambigüedade, e a de Conrad. De feito, esa viaxe que fai a protagonista Laura Novo, é similar á que aparece en O corazón das tebras, só que niste caso é unha viaxe interior. _Supoño que despois desta obra virán outras. _Os que escribimos, sempre estamos pensando nos seguintes proxectos. Agora estou cunha narración máis curta.