Estánseme inchando, vaia si se me están inchando! Pero onde carallo se metería esta muller? A quen se lle conte. Espertar un da sesta, e atoparte que a túa muller baixa sen avisar, estando nun país estranxeiro, sen deixar unha nota, nada. Co fácil que é dicir que baixa á lavandaría, porque aí tivo que ir, xa que falta un dos bolsos, moita da súa roupa e todos os meus pantalóns e traxes de baño. Todos. Pero a que cabeciña no seu san xuízo se lle pode ocorrer. Así que aquí estou, o día de San Xoán, ás seis da tarde, en cirolas, facendo o parvo no balcón dun quinto piso en Venezuela, fronte á praia máis grande de La Guaira, encarcerado sen poder baixar pola simple razón de que a miña muller me deixou sen pantalóns. Agora, que nin cristo lle vai quitar do lombo un par de lapotes. Logo queixarase, coma sempre. Aínda non entendo como puiden deixarme engaiolar con esta merda de escapada ó Caribe. «Vamos, Paco, que teño unha corazonada». Unha corazonada, disque. A corazonada voulla a dar eu en canto entre por esa porta. Co ben que estaríamos agora na aldea; eu, botando unha brisca na de Manolo, e ela, na casa, cas súas trangalladas de vidente.