Ronsel de vidro

Xosé Castro Ratón

RELATOS DE VERÁN

Nun recuncho varrido polo vento do alén mar norteamericano, unha parella moza galega, filla dunha terra que non fora quen de darlles futuro, celebraban o seu amor.

A praia era un luxo furtado ás horas interminables dun traballo que pagaba a súa vida pero roubándolles a alma. A emigración fora unha ferida, unha cicatriz que aínda doía coa humidade do océano. Por iso, nun pulo de morriña, xurdiu a idea: un conxuro contra o esquecemento. Nun anaco de papel escribiron os seus nomes, a data e un número de teléfono que soaba a promesa de regreso.

Dobraron o papel con mans que coñecían máis de esforzo que de acougo e metérono nunha botella. Non era un simple xesto romántico; era un acto de fe, un anaco da súa identidade lanzado ao mar na esperanza de que as correntes soubesen o camiño de volta a casa.

Doce anos despois, nunha praia da costa atlántica galega, persoas voluntarias esforzadas na limpeza duns areais lastrados por ese inimigo da saúde do planeta e dos seres vivos que é o plástico que todo envolve, recollen o vidro que iniciara a viaxe na outra beira oceánica.

Leron, sorriron, e chamaron. Ningunha voz respondeu.

Non se renderon. Compartiron a foto do achado entre amizades e nas redes sociais, ese novo océano dixital. A mensaxe, que viaxara fisicamente durante anos, comezou outra viaxe, esta vez virtual e instantánea.

A maxia solidaria fixo de eco e, en poucos días, a historia chegou á outra beira. Aqueles mozos forzados a marchar, agora unha familia con fillos e a mesma mirada salgada que gardaba a memoria da súa terra, apareceron coma quen nunca marchou. Sentiron o latexo do berce.

A botella fixo o seu ciclo: da man que ama á man que coida. Porque ás veces non é o vidro o que importa, senón quen se detén a miralo.

Nun mundo cheo de ruído, que uns poucos dediquen o día a limpar a praia é xa un acto de beleza. Fan que o mundo respire mellor.

E se o mar, ese vello confesor de historias, decide contalo, mellor deixarlle sitio.