Saudade de esas noites de verán

Fuco Rei

RELATOS DE VERÁN

21 ago 2023 . Actualizado a las 10:26 h.

O que para mi é un fermoso soño de verán, ben podería supoñer un pesadelo para os meus tíos e pais que nos aturaban nesas semanas de longos días e curtas noites estivais nos anos 70 nunha aldeíña non lonxe da Coruña, nun lugar chamado Costa das Burras.

Era un tempo de descubrimentos fascinantes. Subirse ás árbores para papar, cereixas, ameixas, peras, mazás... Leitugas, verzas e patacas que xurdían maxicamente da terra como nunca antes as vira. Tales cousas as coñecía sómente de velas diante do ultramarinos baixo a nosa casa no barrio dos Mallos. A dozura da aprendizaxe e xogos mesturados en medio da inocencia mesturada coa ignorancia infantil.

Apagar a sede se abrir a billa, sómente metendo os fociños nun manancial de auga morna e cristalina onde as veces podíamos ver píntegas e ras. Nunca tan sabedora volveume a saber a auga. Facíamos carreiras con ducias e ducias de escaravellos preto-marelos nun circuíto encabado escavado na terra coas nosas mans.

Levabamos a pastar a vaca Estrela dos nosos veciños. Era tranquila e paciente con nos, pero algunha vez abusabamos da súa bondade e a piques estivo de cornear a miña irmá pequena que a importunaba. Sómente a providencia e uns poucos centímetros de corda de menos librouna dunha boa cornada.

Quedou gravada a lume a lembranza do nacemento dun xato, fillo de Estrela. Si me asombrei de descubrir de onde saen as verzas, ben podedes imaxinar como me quedei cando vin de onde saía este animal. Caeu o animal en medio dun chorro de líquidos, vísceras e sangue nas pallas do cortello, a súa nai lambeuno e nuns poucos segundos ergueuse torpe e un dos seus primeiros pasos foi sobre o meu pe. Aínda podo volver a sentir o pisotón cando lembro ese máxico momento.

Xogar ás escondidas polas noites coas lanternas. Ir ata a tenda do Couto a mercar leite, pan, manteiga e marmelada para o almorzo cruzando o regato de pedra en pedra. Horas perdidas en xogos, carreiras, feridas nos xeonllos e algunha que outra labazada pola enésima rotura dos pantalóns.

Fuco Rei. 60 anos. A Coruña.