O val das cereixas

Manuel García Castro

RELATOS DE VERÁN

12 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A tardiña pintaba ben. Non ía moita calor, e parecía o día axeitado para facerlle unha visita ao lago de Encrobas. Logo de facerse público a retirada do valado do cerramento da vella mina, xa tiñamos curiosidade por volver alí. Dende Pontoxo, a baixada é moi ribeira, polo que íamos amodiño e apoiándonos en bastóns ou simples paus que facían á vez. Na nosa memoria non lembrabamos que fora tan costento. Será que nolo parece porque somos máis vellos ou, verdadeiramente, a escavación fixo que aumentase o desnivel?

Entramos no recinto coa ledicia de, case medio século despois, volver pisar aquela terra que de rapaces, cando chegaba o verán, pisaramos decote para irnos bañar ó río ou mesmo ir á froita, porque —entre nós comentamos que era a época. E iso levounos a rememorar que alí, debaixo daquela impoñente masa de auga, xacía o val das cereixas, coas case vinte aldeas que o integraban. Ao irnos adentrando, a ledicia do principio foise trocando en melancolía. Axiña comprobamos que alí non quedaron cerdeiras, nin corredoiras, nin hortas, nin nada que lembrara os vellos tempos… ou quizais, algo si: como únicos vestixios de que no pasado foi morada da xente, nos lugares máis altos, e no medio da maleza sobreviven as roseiras e algún que outro arbusto, no seu día plantados por eses moradores, moitos dos cales xa non están entre nós. A emoción ía aumentando. Mira! Onde se ven esas roseiras, era Burís!; acolá enfronte, na outra veira do lago, estaba o Outeiral, e un pouco a esquerda quedaba Croeda!; acolá adiante era Gontón, e por alí estaba a igrexa!; acolá era Guichar, e despois xa viña A Quintán!...

E coma en toda peregrinación, unha vez cumpridos os ritos de rigor, agarda o camiño de volta que, neste caso, á nostalxia, hai que engadir unha empinada costa.

Manuel García Castro. Xubilado. 76 anos. A Coruña.