Amor sen teito

Manuel Vila Falcón

AL SOL

24 ago 2020 . Actualizado a las 13:39 h.

Sobreviven atrapados na arañeira da pobreza, coa riqueza do seu querer e de sentírense ceibes. Atrás deixaron as ataduras daquela maldita hipoteca, a cal rematou por chuchárlle-las ganas de prosperar, mais nunca, nunca puido mingua-lo agarimo que senten o un polo outro. Nin ela tivo a culpa de perde-lo traballo, nin el de non atopalo. Encaixárono con triste filosofía, sen máis, levando ás costas o fogar dun piso periférico ao emblemático casco histórico da cidade das Burgas, berce de grandiosos escritores. Seguramente comezaron coma el, é dicir, transmitíndolle á súa namorada sentimentos en cartas cheas de adxectivos. Trala metrallada dos anos, agora tócalle baladas coa guitarra. Tamén a utiliza como sustento, interpretando o seu recital na pequena praza dos Suaves, case formando parte do mobiliario urbano, ao carón dunha árbore ornamental. Alí intercambia melodías por moedas, tan míseras coma necesarias.

Ámbolos dous son románticos empedernidos. Queda demostrado cando ela lle fai aloumiños polas noites, baixo os soportais, nesas horas en que ninguén mira e o frío aperta; ou cando el rouba unha flor nalgún parque, ao chegares a primavera, para pórlla no pelo. Incluso nunha ocasión, tras aforrar perseverante e aos poucos, mercoulle un anel similar ao empeñado recentemente, salvo que en vez de ouro, estoutro é prateado. Dende entón, ela non cesa de musitarlle tenramente ao ouvido: «O meu lar es ti». Son estes detalles os que alimentan a fame por seguiren adiante felices. E xuntos.

Manuel Vila Falcón. Polifacético. 42 anos. Ames.