Soidade

María del Pilar Seoane Yáñez

AL SOL

03 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sentada preto a ventá que dá ao xardín, rodeada de libros por todas partes, a súa paixón, non era quen de ler. A cabeza daba voltas coma un muíño de vento ao son dos seus sentimentos.

Acordábase daqueles días cando todo era ruído e algarabía, daquelas noites nas que a lúa chea brillaba intensamente, permitíndolles desfrutar de veladas nocturnas, agarimosas e festeiras, onde non faltaba comida, bebida e risas a esgalla, facendo que eses intres foran inesquecibles.

Os acontecementos fixeron que só foran recordos. No patio baleiro, só as flores transmitían un pouco de alegría. O Tom deitado esperando a chegada de quen non viña, só uns ladridos cando a curuxa o sobresalta. O silencio aterrador fai barullo nos seus tímpanos para poder soportar a inquedanza que traspasa a súa dor do corazón.

Cadaquén foi buscar o seu pan alá onde puido e agora ninguén volta, nin o día do Patrón. Xa non hai festa nin festeiros, uns foguetes espallados dalgunha casa, que ten a sorte de acoller a quen inda pode acudir a xuntanza familiar.

Deléitase cos recordos ata que un sorriso asoma na súa cara. Volta a aqueles anos nos que era unha rapaza nova, e ese día era moi especial para ela. O mellor era o xantar con toda a familia, os pequenos correndo coma tolos, a partida de cartas dos homes e, para rematar, a cea no patio para ter forzas para bailar ata que o corpo aguantara.

E aqueles bailes con aquel mozo, Andrés, que a traía toliña, ata que despois de facerse derrogar, viña a sacala a bailar. Era o mellor bailarín. ¡E co que lle gustaba a ela! ¡O baile, e o rapaz! Logo, acompañaba á casa. Pero non tardou Andrés en saír en busca dun mundo mellor. Non volveu. Soltou un suspiro, veu como o libro descansaba no seu colo. Así que dubitativa e temerosa non vacila en coller o teléfono. Ninguén responde. Segue a ollar o xardín.

María del Pilar Seoane Yáñez. Mestra. 63 anos. Lugo.