Vou comezar unha historia, mellor dito, unha biografía; si, é verdadeira a travesía por uns cantos anos dun vivir senlleiro, pero, a miúdo, imitado e repetido. Non, non é un personaxe afamado cunha manchea de seareiros, nin deses que saen todos os días nas noticias cun caché millonario, ninguén lle pide autógrafos, non é ningún deses que todos queremos imitar. Este é un ser auténtico, dos que pasan ao carón de nós con pés de la, pero dos que mudan as nosas vidas asemade muda a súa, dos que fan diferente as nosas xeiras e dos que enchen os baleiros tan só coa súa presenza. Naceu un día caloroso, un día do mes de xullo, si, nestas datas está de aniversario.
Tiña a suavidade de todos os recén nacidos, non había diferenza con outros pequeniños, olliños durmiñóns e xestos tenros e suaves. Era lambereteiro e xoguetón. Un día triste foi separado da súa nai, abandonado á súa sorte. Ficou sen fogar, sen acubillo, vagou sen rumbo, roendo as migallas que atopaba ou os refugallos que alguén por descoido ou compaixón deixaba no camiño; só, magoado e desamparado, compartindo con outros malpocados o frío e os golpes dos miserables. Foron a soidade e o desleixo os seus íntimos compañeiros, porque o destino, ás veces inxusto e cruel, castiga aos inocentes. Foi dar cos ósos nun refuxio, débil, eivado, desfalecido; enrodelado nun recuncho semellaba ter un fío de alento.
Pero cando a vida se rebela suceden milagres, e hei aquí que o noso protagonista deixou que o mimasen unhas mans amigables e uns ollos melosos. E renaceu, reviviu. Cos coidados precisos e unha morea de agarimos, os michazos sandaron, a amizade foi medrando e a confianza e o cariño foron (e son) unha magnífica recompensa.
Pasados varios anos, o noso protagonista, xa maior, si, o que está de aniversario nestas datas, é un can feliz, a súa vida transcorre leda e serena nun fogar apracible. O seu aspecto rufo, a súa alegría e a súa gratitude decotío son os mellores galanos para todos os que gozamos e partillamos a súa compaña. Grazas e saúde, compañeiro!
Aurora V. Varela Caabeiro, filóloga, 65 anos, Ferrol.