A muller sentada ao fondo da cafetería París tiña os ollos cansos. Das súas pupilas fuxía unha mirada pendurada entre a indómita tristura e unha esperanza rebuldeira. Apañou un bolígrafo do bolso e comezou a escribir. Con dozura, repetía o mecánico movemento de pousalo no queixo e devolvelo ó seu lugar natural: a inmensidade acre da folla en branco. Ao pouco de botar a andar aquelas liñas, unha bágoa escorregoulle pola meixela con desleixo. E así, foi sorbendo os soños nunha cunca de café con leite, namentres remexía devagar a escuma do tempo, tinguindo pensamentos no azul escuro da tinta. De socato, a meniña do ollo fíxolle un receso no romántico idilio que gardaba co papel e fitouno á présa. Fitouno tan á présa que, aquel intre, foi coma se se detivesen as agullas que xiraban nos reloxos e o tempo deixase de avanzar. Resultaba difícil concentrarse ao decatarse da intrusa presenza daquel home que tan familiar lle resultaba.
Un periplo para conectar lembranzas activárase agora, na procura de atopar os vencellos axeitados que a levasen a identificar a quen pertencía aquela faciana que se lle facía coñecida. Levaba o mesmo mostacho de cando novo, pero algo máis cano. Era inconfundible aquela planta, o seu corpo espigado e o nariz romo co que lle gustaba cheirar aquel perfume francés tan caro, que botaba para as ocasións especiais. O cabelo fora abandonándolle a testa e o pouco que aínda conservaba branquexáralle arreo.
Pasaran moitos anos e desta volta el tamén escribía. Tomaba nota das peticións dos clientes: cervexas, cafés, refrescos. O camareiro abandonou con sixilo unha nota na súa mesa, aproveitando que ela fora ao servizo. «Aínda te lembro», rezaba aquel anaco de papel. Só tres palabras, poderían encher o máis inmenso dos baleiros. Volveu do baño e sentouse nunha cadeira diferente, aínda que na mesma mesa. Decatouse que había algo novo encol da táboa. Era un misterioso papel de descoñecida orixe. Ao lelo enxugou as bágoas. Ela só podía lembrar ás veces e escribía unicamente para non esquecer. Oxalá puidese lembralo a el tamén...
Pablo Nogueira Campo, mestre, 32 anos, Ourense.