Agosto do 36

María Alejandra Barco Tojo

AL SOL

06 ago 2018 . Actualizado a las 21:50 h.

Hoxe erguinme algo máis cedo do habitual. É o tempo da sega e parece que o sol vai quentar. Poño a roupa de cada día, ese pantalón sucio polo baixo e con algunha que outra rotura; a camisa rachada nos cóbados e os zapatos que me fan encoller as dedas.

Non me podo queixar, polo menos teño roupa, outros nin iso. Meus pais levan ergueitos case unha hora, miña nai está a facernos o almorzo a meus tres irmáns e a min; eles xa almorzaran e meu pai vai levar as vacas.

Chegan uns homes, petan á porta, e con rostro serio preguntan por meu pai. Veñen a citalo dentro dunhas horas diante da casa do concello. Como el é concelleiro, supóñome que será para amañar algúns papeis. Á tarde, meu pai pon a roupa dos domingos, quere ir ben arranxado á cita. Antes de saír pola porta, vírase, centra a súa mirada en min e dime: «Neno, coida das vacas que eu logo hei de volver». Mentira! Non volve e non o fará xamais, o seu último leito será unha cuneta. Eu, un neno de soamente 10 anos, que apenas sabe ler e escribir, declárome o novo home da casa, non me queda outra.

María Alejandra Barco Tojo, 15 anos. Cardeiro, Boimorto. Estudante.