Chispazos

Julia García Madriñán

CULTURA

Julia García Madriñán. 13 anos. A Estrada. Estudante

22 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Había unha historia tan pequena que dentro non cabía unha nena e hai outra tan grande que dentro dorme un elefante co prólogo de almofada e coas patas no epílogo. Había unha rosa única como a do Principiño e hai rosas sen dono que locen orfas na floristería, hoxe regaleille unha a avoa e as tres puxéronse moi ledas.

Había primeiros clásicos que non ensinaban que o lobo é o malo e os porquiños os bos, pero hai realidades nas que as persoas non son o que parecen e non é tan doado distinguir as boas das malas. Había estrelas no mar que xogaban á roda pero tamén as hai no ceo que compiten por ser as máis brilantes. Cada estrela é unha vida, cada estrela é unha historia. Había un planeta grande que se chamaba Mundo e hai realidades pequerrechas como a xente que vivimos nel.

Había días que se me ocorrían historias co seu principio como ten que ser, co seu nó e co seu desenlace como nos ensinou o profe Bugallo, que sempre fai un bo traballo, e hai outros días como hoxe que só escribo unha morea de principios, e cada un anda enredado no seu. Aquí vos deixo un elefante, unha nena, unha rosa que precisa máis prosa, un lobo que come porquiños e unhas estrelas tan fermosas… quen me dera collelas. Terminade os relatos por min que estou cansa e non me dá máis o maxín.